Silvia Marín, tenente de alcalde de Ordes, posa con Juan Martínez, presidente de Down Compostela e dous rapaces da asociación. |
Son 27 fotografías repartidas polos tres andares da Casa do Concello
Co gallo do Día Internacional da Discapacidade que terá lugar o próximo
luns, o Concello de Ordes inaugurará a mostra fotográfica 'Miradas' na que a
integración das persoas con algún tipo de diversidade funcional é o tema
central. Baixo o lema 'Mírame aos ollos e verás que son coma tí', o Concello de
Ordes acolle esta mostra que amosa un total de 27 fotografías repartidas polos tres
andares do consistorio e agrupadas en cinco bloques temáticos.
Un proxecto
realizado pola Fundación Down Compostela que pon de manifesto que as
semellanzas entre persoas con e sen discapacidades son moitas máis das que se
poidan pensar nun principio.
A mostra fotográfica exponse baixo o lema 'Mírame aos ollos e verás que son coma ti'. |
Fotógrafos como Cristina de
Middel, Óscar Dacosta, Moncho Rivadulla, Rafa Pasadas e Luís Díaz participan
neste proxecto no que, entre outros aspectos, se abordan as actividades, a
autonomía, a expresividade e entusiasmo, as relacións de parella, e as
afeccións en persoas con síndrome de Down.
Todos aqueles que queran visitar
esta mostra poderanno facer durante as próximas dúas semanas en horario de 08:00 a 15:00 horas.
Ademais tamén se pode colaborar económicamente coa fundación adquirindo un
calendario con imaxes da mostra, os cales están á venda no departamento de
Servizos Sociais do Concello por tan só cinco euros.
Por outra banda os usuarios da
aula adaptada ubicada en Mesón do Vento e xestionada polo Concello de Ordes non
queren deixar pasar de largo unha data tan sinalada como o Día Internacional da
Discapacidade.
Así, farán entrega
dunha serie de agasallos realizados por eles mesmos aos centros académicos
ubicados no municipio, ademais de invitalos a acudir a súa aula para que coñezan
de primeira man as actividades que se veñen realizando neste espazo.
*