De esq.a der. Beatriz Domínguez (Trazo), Antonio Leira (Oroso), Xesús Pedreira (Ordes), Pilar Sánchez (Mesía), María Viqueira (Cerceda) e Aurelio García (Frades), esta mañá en Ordes. |
Auguran un 2013 realmente dramático polo
progresivo desmantelamento das políticas sociais dende o Goberno do PP
Instarán á Xunta a que clarifique quen vai prestar os
servizos sociais aos veciños
O desmantelamento do servizo de prevención de
drogodependencias na comarca de Ordes por mor do recorte de axudas da Xunta de
Galicia deixará sen este importante servizo a máis de 1.500 rapaces e rapazas
da comarca de Ordes. Así o denunciaron esta mañá en Ordes representantes dos
grupos municipais socialistas de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia
e Trazo, que anunciaron que presentarán mocións plenarias en todos os
municipios a prol do mantemento dos servizos sociais na comarca.
O coordinador comarcal do PSOE e concelleiro de
Educación e Servizos Sociais de Oroso, Antonio Leira, denunciou que “a Xunta
desmantelou o servizo de prevención de drogodependencias ao igual que fixo co
programa Preescolar na Casa, pois elimina as subvencións e déixalle a pataca
quente aos concellos, que non poden asumir este tipo de gastos. Sobre todo
cando a propia Xunta recorta nun 89% a súa achega ao mantemento dos servizos
sociais que está obrigada a prestar e o Estado nos recorta outro 66%”.
Unha
realidade que fai que Leira Piñeiro asegure que “auguramos un 2013 realmente
dramático polo progresivo desmantelamento das políticas sociais que están
facendo dende a Xunta e o Goberno central. A realidade é que os servizos
sociais están sufrindo o maior hachazo na política de recortes, onde os
concellos se atopan con menos profesionais, menos servizos e máis demanda de
cidadáns”.
Recortes en prevención
Un punto no que coincidiu a concelleira de
Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira, quen denunciou que “os concellos
da comarca de Ordes non podemos asumir o custe do servizo de prevención de
drogodependencias”. E máis despois de teren asumido o ano pasado dúas
anualidades do servizo de Axuda no Fogar, posto que a Xunta decidiu en novembro
de 2011 que non achegaría a subvención correspondente ao 2012 e que tampouco
abonaría a de 2011, cando o investimento e o programa xa estaba feito.
María Viqueira lembrou que “a prevención é
fundamental en materia de drogodependencias. O que está facendo a Xunta é pan
para hoxe e fame para mañá, pois se non investimos en prevención, teremos que
investir en tratamentos a drogodependentes”. Neste sentido compre indicar que o
servizo de prevención de drogodependencias, prestado de xeito mancomunado nos
sete concellos a través da Mancomunidade de Ordes, atendía anualmente a máis de
1.500 rapaces e rapazas da comarca de Ordes.
Así, durante o último trimestre de
2012, o programa de prevención de drogodependencias chegou a un total de 1.509
rapaces e rapazas: 563 de Oroso, 420 de
Ordes, 162 de Cerceda, 116 de Mesía, 100 de Trazo, 92 de Tordoia e 56 de
Frades.
Na rolda de prensa desta mañá estiveron presentes: Beatriz Domínguez Siaba, voceira do PSOE de Trazo; Antonio Leira Piñeiro, coordinador comarcal do PSOE e concelleiro de Educación e Servizos Sociais de Oroso; Xesús Pedreira Mirás, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes; Pilar Sánchez Ulloa, concelleira de Educación, Cultura, Muller e Xuventude de Mesía; María Viqueira, concelleira de Servizos Sociais de Cerceda; e Aurelio García Portos, representante socialista de Frades.
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
"Instaremos á Xunta a
que clarifique quen vai a prestar os servizos sociais pois primeiro dixeron que
o farían as Deputacións e agora as Deputacións volven a pasarlle a pelota a
Xunta. E son os cidadáns os que están a sufrir esta indefinición”
"Esa moción que presentaremos os socialistas da comarca instará á
Xunta e á conselleira de Servizos Sociais a que manteñan os servizos sociais
que actualmente se están a prestar á cidadanía”
*