viernes, 7 de diciembre de 2012

O Nadal traerá a Ordes música, obradoiros e moita diversión


Os paxes reais chegarán o 17 de decembro para recibir os encargos dos nenos e nenas

O festival do Nadal da Banda de música será o 29 de decembro e o día seguinte actuará a coral polifónica na igrexa parroquial

O Concello de Ordes ven de facer público o seu programa de actividades e celebracións do Nadal. A primeira das citas será o 17 de decembro nas escolas unitarias das parroquias do municipio. Ata alí se desprazarán os paxes reais para atender as peticións, recoller as cartas e repartir agasallos e caramelos entre os nenos e nenas. Ó día seguinte volverán a desprazarse, esta vez ata a escola infantil municipal Sorrisos.

O día 26 de decembro, o local cultural acollerá o obradoiro de creación de xoguetes con material de refugallo. O inicio desta actividade será ás 16.30 horas e está orientado para os nenos e nenas de 4 a 7 anos. Xa ás 18:00 horas será o turno para os rapaces e rapazas de 8 a 12 anos. Outro dos obradoiros previstos para este mes será o de decoración navideña, o cal terá lugar o día 27. 

Os interesados en participar xa se poden inscribir ata o vindeiro  21 de decembro no departamento de Medio Ambiente, ubicado na primeira planta do edificio consistorial.

Festival do Nadal
Un ano máis o auditorio da Casa da Cultura acollerá o festival de Nadal. Organizado pola Banda de Música de Ordes en colaboración co Concello de Ordes a cita será o vindeiro 29 de decembro a partir das 20 :00horas. Non é a única data a ter en conta por parte dos afeccionados á música. 

O 30 de decembro a igrexa parroquial de Santa María de Ordes acollerá dende as 20.30 horas o Certame de Corais. Un acto organizado pola Coral Polifónica de Santa María de Ordes en colaboración co Concello de Ordes.

Cabalgata de Reis
Como todos os anos as rúas de Ordes engalanaranse para recibir o 6 de xaneiro as súas Maxestades os Reis Magos. Será a partir das 17:00 horas cando inicien o seu percorrido polas principais vías e rúas da vila, para posteriormente visitar o Belén vivinte que se instalará na Alameda

Alí todos os nenos e nenas poderán falar con eles e lembrarlles os presentes que desexan para o novo ano. Agasallos, caramelos e doces, tamén para diabéticos e celíacos, van ser repartidos de balde entre todos os asistentes.

*