viernes, 7 de diciembre de 2012

Ordenses ilustres (VII): Manolo Quindimil

Manolo Quindimil (1923-2008) foi un destacado dirixente do Partido Justicialista (peronista) na Arxentina.

Fillo de emigrantes da parroquia de Barbeiros, foi un destacado dirixente peronista na Arxentina e sete veces intendente  da provincia bonaerense de Lanús

Foi testemuña directa e activa do nacemento do peronismo

Naceu e morreu na terra que lle deu todo: Bos Aires. Manuel Quindimil García, Manolo Quindimil (1923-2008), foi o fillo menor de dous emigrantes da parroquia de Barbeiros, Manuel Quindimil e María García. Os seus pais rexentaban un pequeno comercio en Bos Aires e o xoven Manolo, que xa nacera na Arxentina o día de Noiteboa de 1923, comezou a traballar na tenda dos seus pais con apenas trece anos. 

Con 22 anos iniciouse na política como delegado gremial nunha fábrica de frigoríficos. Durante eses anos, Quindimil foi testemuña directa do nacemento do Justicialismo, tamén chamado Peronismo durante os actos de protesta de outubro de 1945 na Praza de Maio en Bos Aires.

Con 25 comezou a traballar como empregado raso na Administración local da súa municipalidade, Lanús, un área urbá do chamado Gran Bos Aires que conta na actualidade con medio millón de habitantes. É o barrio natal de Diego Armando Maradona.

O exalcalde de Ordes, Teodosio Martino (esq.) durante a visita que lle fixo a Manolo Quindimil  en Bos Aires / Foto: M. Pazos. 
Clandestinidade por case vinte anos
Logo do derrocamento de Juan Domingo Perón en 1955, Manolo Quindimil pasa á clandestinidade para traballar na resistencia e lograr a volta de Perón á Presidencia arxentina. Xa en 1973 e logo dunha vida dedicada ao seu partido e a proscripción do peronismo por case vinte anos –de 1955 a 1973−, Quindimil foi elexido intendente de Lanús, figura similada ao dun alcalde dunha gran área urbá. Cun estilo de caudillo político do Gran Bos Aires e de raíz sindical, ao final da dictadura arxentina sería reelexido no seu posto ata en cinco veces consecutivas: 1987, 1991, 1995, 1999 e 2003.

Manolo Quindimil morría o 20 de decembro do 2008, e ao seu velatorio asistiu o expresidente arxentino Néstor Kirchner ademais de moitos outros dirixentes do seu Partido Justicialista, partido hoxe no Goberno arxentino liderado por Cristina Fernández de Kirchner.

*