viernes, 30 de noviembre de 2012

A Corporación municipal pecha filas cos gandeiros de Ordes

Momento do pleno da Corporación municipal celebrado onte nos baixos da Alameda de Ordes.

Silvia Marín responsabiliza á Xunta e asegura que o Concello "cumpriu co acordado" nas obras do CEIP Castelao

As mocións de Xesús Pedreira (PSOE), de baixa médica por unha recente e delicada operación quirúrxica, foron lidas pero non levadas a votación

A sesión plenaria celebrada onte no Concello de Ordes arrancou co acordo unánime de apoiar ao sector leiteiro e máis concretamente ás explotacións gandeiras da comarca. Así o solicitou o BNG na súa moción, na que se insta á Xunta de Galicia á creación dun marco de relacións entre os diversos operadores do sector e medidas que garantan prezos mínimos xustos e cubran os custes de produción. 

O portavoz nacionalista, Gonzalo Castro, responsabilizou ao Goberno do PP na Xunta de Galicia “do estado crítico dun sector que perdeu en Galiza máis de 3.000 explotacións, o que ocasionou a destrucción de 10.000 empregos, e no que hai ao redor de 3.000 explotacións que están ao borde da suspensión de pagos”.

Neste aspecto engadiuse a emenda presentada polo Grupo Municipal Popular na que, entre outros puntos, se insta a promover a sinatura de contratos homologados, desenvolver o plan de inspección de calidade e impulsar a vertebración do sector para conseguir unha maior estabilidade entre os productores e a industria. 

Neste punto, o alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade, Manuel Regos, sacou a colación o acordo asinado esta mesma semana por parte dos sete concellos da comarca en apoio ós gandeiros e gandeiras.

CEIP Castelao
En relación á construcción dunha zona cuberta no CEIP Castelao para uso dos alumnos, o BNG solicitoulle ó Goberno local que cubran os gastos de dita obra. Castro (BNG) acusou ao alcalde e ao goberno da Xunta de Galicia de abandonar as necesidades dos centros educativos de Ordes e manifestou que “o alcalde nin resolve os problemas dos veciños nin esixe á Xunta solución para os mesmos, semella que entre o alcalde e o PP hai un pacto de non agresión, que pagan os veciños con recortes inhumanos”.

A tenente de alcalde Silvia Marín, explicou que ata o de agora “o Concello cumpriu co acordado nesta obra”. Marín especificou que xa se ten acometida a primeira fase na que se construiu un primeiro cuberto, obra que foi financiada íntegramente polas arcas municipais.  

Na segunda fase aínda por realizar “o Concello aportará material e contribuirá na súa execución, xa que se vai encargar de pavimentar con formigón a área que solicitou a ANPA co fin de conseguir un mellor anclado e unha maior seguridade para os rapaces e rapazas”, concretou Marín. A voceira do Goberno tamén avanzou que debido a este motivo “en próximas datas se celebrará un consello escolar para aprobar unha modificación das partidas orzamentarias”. 

A Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Castelao xa  comenzou coa compra de material, téndose gastado ata o de agora arredor de 6.500 euros. Por último Marín recoñeceu o dereito das ANPAS escolares a solicitar a axuda dos pais e nais dos alumnos a sufragar gastos do centro, en alusión á carta presentada polo BNG en base á cal se fundaba a súa moción. Ao final a proposta non prosperou ao contar únicamente co voto a favor dos nacionalistas, absténdose os popularas e CideGa e votando en contra o equipo de Goberno.

Perfil do contratante
O Partido Popular abriu o seu turno de intervención solicitando unha maior transparecia e a actualización dos datos dos perfís dos contratantes realizados polo Concello e que aparecen na súa páxina web. Tamén solitaron a publicación dos procedementos que se veñen realizando, incluidos os negociados e os de obra menor. 

Unha moción que foi aprobada por unanimidade, puntualizando dende o Goberno que neste aspecto se ven cumprindo a normativa vixente aínda que se procurará incidir na actualización dos datos publicados.

Seguridade en Buscás 
A segunda moción dos populares facía alusión á mellora da seguridade nun tramo de curva ubicado nun vial da zona do Vilariño, na parroquia de Buscás. Un problema que padecen tanto os vehículos que se incorporan dende as interseccións de pistas e tramos procedentes de localidades próximas, como polos viandantes que por alí transitan xa que por alí transcorre o Camiño Inglés

Gracias ás aportacións de todos os grupos finalmente acordouse poñer sinais de límites de velocidade a 50 qm/h, instalar espellos nas interseccións, acondicionar o sobreancho, sinalizar o tramo como curva perigosa, ademais de revisar os puntos máis problemáticos de todo o municipio no que se refire á circulación de vehículos.

Casa do Concello
O goberno municipal rexeitou a proposta do BNG para volver a instalar os servizos administrativos municipais na antiga Casa Consitorial e instalar no novo  no novo edificio anexo un centro de promoción económica e viveiro de empresas, que poida dar alternativas aos máis de 1.200 desempregados de Ordes. Gonzalo Castro calificou deluxo asiático, alleo ás necesidades dos veciños, que o alcalde pretenda destinar a antiga Casa Consistorial só a Salón de Plenos e despachos da alcaldía e dos grupos políticos”.

Finalmente, tamén os nacionalistas preguntaron ao alcalde pola denuncia anunciada públicamente polo Goberno contra o portavoz municipal do BNG por mor das críticas pola contratación da parella dun concelleiro na gardería municipal. O Goberno respostou que pronto terían noticias da mesma.

Baixa de Xesús Pedreira
Por último, o pleno municipal non contou coa presenza do concelleiro socialista Xesús Pedreira, quen recentemente foi sometido a unha delicada operación quirúrxica e atópase de baixa médica recuperándose na súa casa. Pese á oposición do portavoz municipal do PP, antes en xunta de portavoces, a que se leran e se votasen as súas mocións e rogos, finalmente leronse as primeiras, pero non se votaron por mor da falta de acordo unánime entre todos os grupos municipais sobre o particular. 

Nembargantes, nos últimos intres do pleno, o portavoz do BNG manifestou encarecidamente ao alcalde que tamén procedera á lectura dos rogos do concelleiro socialista, feito que finalmente levou a cabo a tenente de alcalde Silvia Marín. 

Na primeira das mocións do PSdG-PSOE se solicitaba que o Concello se adherise á declaración como cidade solidaria contra o Alzheimer. A segunda especificaba ás medidas a emprender a nivel municipal en colaboración cos servizos xurídicos do Concello en contra dos desafiuzamentos. A última delas facía alusión á erradicación de casos de violencia de xénero en relación á recente celebración o pasado 25 de novembro.

*