Os sete alcaldes da Mancomunidade de Ordes, reunidos esta mañá en sesión extraordinaria. |
A Mancomunidade reclama á Xunta "un prezo digno polo leite"
Regos: "O sector agrogandeiros é a base económica do medio rural e do que viven moitas familias dos concellos da Mancomunidade de Ordes"
A
Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes manifesta o seu apoio
incondicional aos produtores de leite de Galicia e, en especial, aos veciños e
vecinas dos concellos da comarca nas súas máis que xustas reivindicacións e
insta á Xunta de Galicia a dar unha resposta a esta problemática garantindo un
prezo digno polo leite dos nosos gandeiros en aras a asegurar o futuro do
sector.
Un manifesto que foi aprobado nunha sesión extraordinaria celebrada
esta mesma tarde en Ordes polos sete alcaldes da comarca: José García Liñares
(Cerceda), Roberto Rey Martínez (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía),
Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro
Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo).
Solucións
Os sete alcaldes da comarca de Ordes pídenlle á Xunta de Galicia que ofreza unha solución a esta problemática que permita que os gandeiros galegos poidan vender o seu leite a un prezo digno. O apoio dos sete alcaldes da Mancomunidade de Ordes ao sector lácteo galego é total e continuado. A súa acción máis recente data do pasado mes de xullo, cando aprobaron tamén en sesión extraordinaria unha moción de apoio ao sector lácteo galego presentada polos sindicatos Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego.
Xa daquela os alcaldes da comarca compartían a análise realizada polos tres sindicatos, que aseguraban que “o rural de Galicia está a afrontar un tempo de incertezas económicas agravado en boa medida polo importante diferencial de prezos do leite con España e Europa.
Unha situación que se veu agravada pola suba dos custos de produción, a seca que vivimos a última primavera, a vaga de incendios, a falta de axudas a explotacións e a redución e práctica desaparición das compensatorias dos danos producidos pola fauna salvaxe”.
Manuel Regos Boquete. |
As frases de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Ordes
“O sector
agrogandeiro é un sector estratéxico en Galicia pois é a base económica do
medio rural e do que viven moitas familias e, en concreto, da maioría dos
concellos da Mancomunidade de Ordes, xa que dependen economicamente da
actividade agrícola e gandeira”
"O sector está
atravesando ao longo dos últimos anos unha gravísima e insostible situación,
vendendo os seus produtos por baixo dos custes de produción, poñendo en perigo
a subsistencia económica das súas explotacións gandeiras e, en definitiva, da
nosa comarca”
*