miércoles, 7 de noviembre de 2012

Austeridade total na Mancomunidade: 950.000 euros de orzamento no 2012

Momento da celebración do pleno do mes de novembro na mañá de onte nos baixos da Alameda de Ordes.


Rexistran unha merma de preto de 100.000 euros respecto aos do ano 2011

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou na mañá de onte e por unanimidade os seus orzamentos para o ano 2012, que ascenden a un total de 949.682 euros

Os orzamentos da Mancomunidade de Ordes rexistran unha merma de preto de 100.000 euros con respecto aos de 2011. Un descenso motivado principalmente polas reducións das achegas da Xunta de Galicia ao programa de Axuda no Fogar, que na actualidade presta servizo a 59 familias de Frades, Ordes e Oroso. En 2011 a Xunta diminuíu a súa achega nun 89% (dende os 90.401,74 euros anuais aos 9.757,05 euros) e o servizo só puido manterse grazas ao compromiso e ao incremento das achegas realizadas polos concellos participantes. Precisamente hoxe, o pleno da Mancomunidade tamén aprobou por unanimidade a ordenanza reguladora do servizo de Axuda no Fogar.

O presidente da Mancomunidade, Manuel Regos Boquete, destacou o esforzo realizado para poder manter o nivel dos servizos que presta a Mancomunidade a pesar da redución das achegas da Xunta de Galicia. “Incluso conseguimos poñer en marcha novos servizos como a Oficina de promoción do Cooperativismo ou a orientadora laboral”, destaca o presidente da Mancomunidade de Ordes.

Servizos sociais 
A Mancomunidade de Ordes encárgase actualmente de gran parte dos Servizos Sociais de Atención Primaria que recibe o conxunto da poboación da comarca de Ordes. Uns servizos prestados por equipos interdisciplinarios dependentes dos Concellos e da Mancomunidade e que teñen por obxecto promover e posibilitar o desenvolvemento do benestar social de todos os cidadáns. Os programas básicos de actuación que se desenvolven na atención primaria son:

-          Programa de orientación, asesoramento e información. A Mancomunidade de Ordes dispón dun servizo xurídico xeral gratuíto, prestado por un licenciado en Dereito, e que está dirixido a toda a veciñanza da comarca de Ordes. Trátase dun servizo con atención personalizada que permite dar solución ás dúbidas xurídicas e administrativas do veciño, así como apoialo na realización de trámites e recursos. O Servizo de Asesoramento Xurídico orienta ao veciño sobre todo o que precise nas súas xestións coa Seguridade Social, co Servizo Público de Emprego Estatal (INEM), coa Axencia Tributaria, coa Xunta de Galicia... E, se procede, mesmo se redactan no nome do veciño recursos administrativos contra as denegacións de prestacións, pensións ou axudas públicas. E sempre en coordinación cos Servizos Sociais municipais. 

-          Programa de Axuda no Fogar. Coa prestación deste servizo, a Mancomunidade facilita a permanencia dese veciño ou veciña no seu propio entorno de convivencia mentres iso sexa posible e adecuada. Uns servizos que inclúen atencións de carácter persoal na realización das actividades da vida diaria tales coma asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, control do réxime alimentario e axuda para alimentarse (se fose preciso), supervisión das rutinas de administración dos medicamentos prescritos polos médicos, apoios para cambios posturais...

-          Centro de Información á Muller (CIM), un servizo gratuíto que ofrece información xurídica, atención psicolóxica, información sobre os recursos existentes en Galicia e calquera outra actividade que poida mellorar a igualdade entre homes e mulleres na comarca de Ordes. Especial atención ás vítimas da violencia de xénero.

-          Programa de Educación Temperá, que inclúe actuacións para mellorar o desenvolvemento cognitivo, afectivo e de linguaxe de nenos de 0 a 6 anos e rapaces con discapacidade Na actualidade, participan neste servizo máis de cen familias da comarca de Ordes, que son atendidos por un logopeda e un psicólogo da Mancomunidade de Ordes que traballan en coordinación cos servizos sociais, sanitarios e educativos de cada municipio.

-          Programa de Apoio á Persoa, que inclúe asistencia e asesoramento a persoas maiores de 6 anos con demanda psicolóxica.

-          Programa de Prevención e Consumo de Drogas, un servizo da Mancomunidade que busca promover a saúde e o benestar social da veciñanza, evitando situacións de dependencia. Neste servizo ofrécese información, orientación e asesoramento, actuando no ámbito educativo, familiar, xuvenil e comunitario.

-          Programas de inserción social, como unha especialidade do programa de asesoramento xurídico que está dirixida especialmente a inmigrantes e retornados.

-          Programa de Educación en igualdade, para fomentar a igualdade de xénero con iniciativas tanto nos concellos como nos distintos centros educativos.

-          Programas de Educación Familiar, educación viaria para nenos, recollida de xoguetes, programa de educación para o axeitado desenvolvemento familiar...

-          Programa de Emprego: elaboración de censos empresariais e asesoramento e orientación sobre a busca de traballo.

-          E dende a semana pasada, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes conta cunha Oficina de Fomento do Cooperativismo, un novo servizo para a creación de emprego cooperativista e fomento da economía social na comarca ordense. Unha oficina na que se realizarán actividades de formación, información, promoción e sensibilización á sociedade para divulgar os valores cooperativos, dando apoio a emprendedores e promotores cooperativistas e facendo especial fincapé en mozos, mulleres e desempregados.

Asistentes
A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron seis dos sete alcaldes da comarca: José García Liñares (Cerceda), Roberto Rey Martínez (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso) e Xosé Dafonte Varela (Trazo). O alcalde de Tordoia escusou a súa presenza e estivo representado polo tenente de alcalde, Amadeo Cancela.

A frase de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
“Son uns orzamentos austeros, pero que non só manteñen senón que incrementan os servizos que a Mancomunidade lles ofrece aos veciños e veciñas da comarca de Ordes”

*