A
Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes realizará, a través do Centro
de Información á Muller (CIM) comarcal, un campaña de sensibilización contra a
violencia de xénero nos sete concellos da comarca ordense (Cerceda, Frades,
Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) para conmemorar o 25 de Novembro, Día
Internacional contra a Violencia de Xénero. Unha campaña que se complementará
cunha serie de actividades programadas polo CIM de Ordes en colaboración cos
concellos da comarca e con algunha actuación máis organizada por cada
municipio.
Durante
os próximos días, a Mancomunidade de Ordes porá en marcha unha campaña de sensibilización contra
a violencia de xénero baixo o lema: “25-N, igualdade real”. O CIM de Ordes repartirá entre os sete concellos un total de 4.000
adornos para a árbore de Nadal: un copo de neve branco co lema da campaña.
Uns
adornos que os veciños e veciñas poderán recoller de xeito totalmente gratuíto
nos seus respectivos municipios. A acción complementarase cunha serie de
carteis informativos nos que se incluirán lemas a prol da igualdade e en contra
da violencia.
Así
mesmo, a Mancomunidade de Ordes apoiará tamén a campaña “No
te saltes las señales. Elige vivir”, promovida polo Ministerio de
Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad e apoiada pola Federación Española de
Municipios e Provincias (FEMP). Unha campaña á que xa se adheriu a web do CIM
de Ordes (www.ordessenviolencia.org)
e á que se poden adherir tamén os distintos medios de comunicación da comarca (http://www.msps.es/campannas/campanas12/eligeVivir.htm).
Bilbiotecas
Por
outra banda, a Mancomunidade de Ordes ten previsto crear un fondo bibliográfico de igualdade a
través da Rede de Bibliotecas de Galicia. O obxectivo é poder prestar fondos
relacionados con igualdade de xénero (libros, CD´s, vídeos...) ás distintas
bibliotecas da comarca, de xeito que poidan ser consultados por calquera veciño
ou veciña da comarca de Ordes.
Ademais,
o CIM de Ordes participará o vindeiro mércores 21 de novembro como invitado no
programa “Encontros na biblioteca”, unha iniciativa organizada polo Concello de Ordes na que participarán alumnos de 4º da ESO do IES Nº1. A biblioteca de
Ordes fará unha selección de fondos bibliográficos relacionados coa violencia
de xénero e a igualdade, dos que os rapaces lerán algúns parágrafos e debaterán
sobre o seu significado. Un debate no que participarán as técnicos do CIM, que
lles ampliarán información sobre os distintos temas a debate.
Autoprotección para vítimas
Finalmente,
a Mancomunidade de Ordes colabora tamén cos Concellos de Oroso e de Ordes
noutras actividades relacionadas coa prevención da violencia de xénero e coa
conmemoración do 25-N. Así, Ordes está a acoller dende o pasado 26 de outubro un curso de autoprotección para mulleres vítimas de violencia
de xénero, unha iniciativa que promove a Secretaría Xeral da
Igualdade en colaboración co Sindicato Unificado de Policía e que inclúe un
total de 15 cursos noutras tantas localidades de Galicia.
*