lunes, 26 de noviembre de 2012

Os socialistas non queren camións pola estrada Ordes-Cerceda

Advirten que de non cumprirse co mandato do pleno, promoverán cortes de tráfico puntuais durante o mes de decembro

A Agrupación Socialista de Ordes solicitará no pleno deste xoves que o Concello proceda á instalación dos carteis que prohiban a circulación de vehículos de máis de 5,5 toneladas polo tramo ordense da estrada de Mercurín, que une Ordes con Cerceda. Os socialistas de Ordes teñen coñecemento de que os carteis xa están feitos e depositados na nave que o Concello dispón no polígono de Merelle e que indican aos vehículos que non poden pasar por esa vía e os insta a seguir pola N-550 ata o Mesón do Vento e dende aló desviarse a Cerceda por Meirama.

A Agrupación Socialista de Ordes lembra que o pasado mes de abril, o alcalde aceptou a proposta realizada polos socialistas de prohibir a circulación de todo tráfico maior de 5,5 toneladas pola estrada de Mercurín, no seu tramo ordense. Unha proposta realizada despois de que o pleno municipal aprobase o pasado 26 de xaneiro unha moción dos socialistas na que o Concello se comprometía a prohibir a circulación deste tipo de vehículos pola estrada de Mercurín se non se tiñan noticias sobre o compromiso do Plan Miner.

Dez meses despois, nada se sabe destas obras conseguidas polo Concello de Ordes en 2008 e que suporía un investimento de máis de 2,8 millóns de euros. O proxecto foi elaborado pola Xunta en 2010 (por un importe de 150.000 euros), polo que só resta a sinatura do convenio entre o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para que poidan adxudicarse as obras. Unha sinatura que, aseguran dende o PSdG-PSOE local, non se dá producido.

Os socialistas advirten que, de non cumprirse co mandato do pleno e instalar os devanditos carteis para prohibir a circulación dos camións, promoverán cortes de tráfico puntuais nesa estrada durante o vindeiro mes de decembro.

Alumeado de Nadal
Por outra banda, a Agrupación Socialista de Ordes solicitará ao alcalde ordense que o alumeado de Nadal deste ano sexa a máis austera posible, tanto en cantidade como no seu custe. Así, solicitará que o acendido se estenda só dende o 22 de decembro ata o 6 de xaneiro e que a Cabalgata de Reis sexa máis económica, mantendo o encanto para os pequenos. Os socialistas entenden que nestes tempos de crise, o Concello debe ser exemplo de austeridade e de solidariedade con todas as familias do municipio.

Finalmente, os socialistas pedirán o cambio do sinal da ORA na avenida de Alfonso Senra á altura do Supermercado Enrique, xa que oculta o sinal de paso de peóns; e que se localice que establecemento comercial está a baleirar restos de alimentos perecedoiros nos contedores da rúa Compostela. Un lixo que fan lixiviado que se desliza cara unha baldosa solta nesa beirarrúa, manchando o calzado e as prendas dos peóns. Os socialistas solicitarán o arranxo da baldosa e a identificación do autor dos vertidos.

*