martes, 20 de noviembre de 2012

A Mancomunidade de Ordes, contra a violencia de xénero



Manuel Regos: "A violencia de xénero é un problema universal e a súa abordaxe require que as Administracións públicas e a sociedade compartan o sentimento de rexeitala"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de poñer en marcha a campaña “25-N, igualdade real”, que se levará a cabo durante esta semana nos sete concellos da comarca ordense (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) para sensibilizar aos máis de 40.000 veciños da comarca en materia de igualdade e contra a violencia de xénero. Unha iniciativa conmemorativa do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que a Mancomunidade está a realizar a través do Centro de Información á Muller (CIM) comarcal.

Contido da campaña 
Así, o CIM de Ordes repartiu os carteis informativos e 4.000 figuriñas de Nadal, ambos coa mensaxe da campaña “25-N, igualdade real”, entre os sete Concellos da comarca e as outras entidades colaboradoras (xulgados, centros de saúde, colexios...). O cartel informativo recolle a evolución das actitudes contra a violencia de xénero: na parte escura recóllense frases relacionadas cos malos tratos e con falsos mitos existentes sobre a violencia (“aguanto polos meus fillos”, “borra a este tío dos teus contactos”, “el non é malo, pégame poucas veces”...); mentres que na parte branca figuran actitudes e posicionamentos contra a violencia de xénero e a prol da igualdade entre homes e mulleres (“non tes por que vivir con medo”, “non ten dereito a tratarte mal”, “non todos os homes son iguais”...).

Manuel Regos Boquete.
As frases de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Ordes
“A violencia de xénero é un problema universal e a súa abordaxe require que as Administracións públicas e a sociedade compartan o sentimento de rexeitar a violencia de xénero en calquera das súas manifestacións

“Co obxectivo de difundir unha mensaxe homoxénea de sensibilización contra a violencia de xénero e a prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, dende a Mancomunidade decidimos tamén enviar esta campaña aos xulgados, aos postos da Garda Civil, á Oficina do INEM, aos centros de saúde e aos centros educativos da comarca de Ordes”

*