Os nacionalistas recollerán sinaturas para modificar as ordenanzas municipais
Pretenden reducir e eliminar o pago do IBI ás familias con ingresos por debaixo dos 800 euros mensuais
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de
Ordes, anunciou onte que os nacionalistas ordenses iniciarán unha campaña, coa
participación da veciñanza, para modificar as ordenanzas fiscais co fin de “favorecer
ás persoas con menos recursos e servizos públicos”.
Redución do IBI ao 50 %
A primeira das modificacións ten que ver co Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que sufriu unha grave suba “debido ao aumento deste
imposto ao que obrigou o Goberno de Rajoy, unido á revisión catastral e á
complicidade do alcalde nesta suba”, asegura Castro.
O BNG propón unha reducción do 50 % do imposto municipal sobre os Bens Inmóbeis, para aquelas vivendas que carezan de
servizos e dotacións de auga e/ou saneamento.
Castro defendeu esta proposta aludindo a
que “é de xustiza establecer unha reducción do IBI para as persoas que viven en
zonas sen servizos públicos de abastecemento e saneamento de auga, e que se
viron por tanto obrigadas a realizar investimentos para dotarse dos mesmos”.
Por outra banda, o BNG tamén con respecto
ao IBI, o BNG propón a unha redución do 100% para as unidades familiares con
menos de 800 euros de ingresos mensuais, cantidade que se vería incrementada en
150 euros por cada fillo ou persoa dependente.
Reducción do
100% en taxas
O BNG contempla tamén nesta proposta, con
carácter xenérico, a redución do 100 % do pago de todas as taxas, impostos e
prezos públicos ás unidades familiares con menos de 800 euros de ingresos
mensuais, cantidade que se vería incrementada en 150 euros por cada fillo ou
persoa dependente.
Suba ás grandes empresas, telefonía e bancos
O BNG pola contra propón subir un 20% o
Imposto de Actividades Económicas (IAE) ás grandes empresas, un 20% a taxa ás
empresas de telefonía pola instalación de antenas ou redes e establecer o cobro
dunha taxa por ocupación do dominio público aos caixeiros das entidades de
crédito que se atopen na vía pública.
Gonzalo Castro xustificou todas estas
medidas salientando que “as ordenanzas
fiscais do Concello de Ordes deben ter en conta a situación económica crítica á
que nos estamos afrontando e atender á capacidade de pago dos contribuintes,
de acordo cos principios de equidade e xustiza social, máxime cando en Ordes
estamos a padecer de xeito moi duro os efectos da crise con perto de 1.200
desempregados e con máis de 2.000 persoas con pensións baixas”.
Pablo Vidal, do BNG de Ordes. |
A frase de Pablo Vidal, responsable local do BNG de Ordes
“Iniciaremos de inmediato esta campaña coa
celebración de actos de recollida de sinaturas en todas as parroquias e na vila
de Ordes, onde explicaremos estas medidas e recolleremos a opinións e propostas
dos veciños, que serán trasladadas despois ao Pleno da corporación municipal
para a súa aprobación definitiva, porque cremos firmemente na participación da
xente nos cambios que precisa o noso concello”.
*