martes, 13 de noviembre de 2012

O BNG pide o apoio dos veciños á folga xeral

O BNG de Ordes ven de pedir o apoio dos veciños de Ordes á folga xeral de mañá mércores a través do seguinte manifesto:


1.- DESTRUCIÓN DE EMPREGO. A destrución de emprego avanzou de xeito imparábel desde o inicio da actual crise económica. As políticas emprendidas agravaron aínda máis a situación de miles de persoas no noso país, ao tempo que protexen aos verdadeiros culpábeis da actual desfeita económica e social.

2.- DECISIÓNS POLÍTICAS. 100.000 persoas máis ficaron sen emprego en Galiza neste período de crise económica, superando xa as 267.000, un 20 por 100 da poboación activa. As decisións políticas que se están a adoptar están a ter unha influencia decisiva no empeoramento das condicións de vida das maiorías sociais. Cada nova “reforma” supón un recorte en servizos públicos e un retroceso en conquistas sociais.

3.- DEMOCRACIA. A democracia tamén está a ser abatida co pretexto da crise. Cada vez é máis evidente que se goberna en institucións e organismos afastados, que non están sometidos ao referendo popular. Quen decide realmente non ten que dar contas, e os gobernos que son escollidos en procesos electorais, simplemente se adican a cumpriren os mandatos, sen atreverse a retrucar ningunha das imposicións dos grandes poderes financeiros que perseguen. Os Gobernos do PP en Madrid e Galiza coidan non só de que a crise non afecte a ditos poderes, senón tamén para que a paguen as maiorías sociais, asumindo restricións, pagando indiscriminadamente máis impostos para sanear os balances da banca privada.

4.- POLÍTICA ECONÓMICA. O FMI, o BCE, a UE, deseñan a política económica. Rajoy e Feijoo limítanse a executar, aplicando receitas fracasadas, ineficaces, que sitúan xa a unha ampla maioría de persoas a carón do abismo, sen traballo nin rede social de cobertura.

5.- CENTROS DE DEICSIÓN. Canto máis se alonxan os centros de decisión, máis inxustas son as políticas adoptadas, máis se agudiza a crise económica.

6.- EMPREGO. Saír da crise económica para moitas galegas e galegos significa poder ter un traballo. E poder xerar emprego para eses miles de persoas que aspiran a telo só poderá vir da man de reactivar os sectores produtivos básicos da nosa economía, para o que precisamos ter maior capacidade de decisión en Galiza para darlles apoio e orientalos polo camiño dun desenvolvemento sustentábel.

*