martes, 20 de noviembre de 2012

Sabes...que día é o aniversario de Ordes?

A data de nacemento do moderno concello de Ordes é a do 6 de xuño de 1836

Temos por tanto, 176 anos de idade

Estamos de acordo en que o concello de Ordes, tal e como o entendemos hoxe en día, tivo que nacer nalgún momento. Durante longos séculos, estas terras estiveron sometidas a diversos señoríos ata a chegada do periodo constitucional na historia de España, a comezos do século XIX. Ata ese momento, Santa María de Órdenes estivo adscrita a diferentes provincias dun xeito, administrativamente falando, moi diferente ao actual.

Así, durante as primeiras décadas do século XIX, Ordes estivo dividida entre diferentes parroquias distribuidas entre os concellos de Mesía e os extintos de Folgoso e Faramilláns, ambas na extinta provincia de Santiago. Tampouco xudicialmente eramos autónomos xa que dependíamos de Poulo, capital comarcal xudicial, aos pés do Camiño Real a Compostela. 

Reformas administrativas e xudiciais
Todo isto cambiaría tras as reformas xudiciais de 1834, nas que o partido xudicial de Poulo pasaría a ser o de Santa María de Ordes. Un ano despois, en xuño de 1835, as reformas tamén chegarían a administración local da provincia da Coruña. No caso de Ordes, a súa formación como concello moderno chegaría o 27 de abril de 1836 coa publicación no boletín provincial da constitución do moderno municipio. 

Pero non sería esa a data que agora procuramos, xa que aínda faltaba un último detalle que se concretaría en sesión plenaria da Deputación provincial de 6 de xuño de 1836, na que se incorporou a última das súas parroquias, a de San Pedro de Ardemil. Nacía, agora si nesa data, o moderno concello de Ordes.

Anos máis tarde, un arranxo parroquial de 1867 suprimiría Faramilláns como parroquia, quedando definitivamente constituido o concello de Ordes coas trece sedes parroquiais actuais: San Pedro de Ardemil, Santa María de Barbeiros, Santa María de Beán, San Paio de Buscás, Santa Eufemia de Leira, San Andrés de Lesta, San Clemente de Mercurín, Santa Cruz de Montaos, Santa María de Ordes, Santa María de Parada, Santa Eulalia de Pereira, San Xiao de Poulo e Santiago de Vilamaior.

*