lunes, 26 de noviembre de 2012

O PP alerta de perigo nun tramo de escasa visibilidade en Buscás

O tramo está transitado por veciños e peregrinos camiño a Compostela.
Martínez Sanjurjo: "O que está a acontecer en Vilariño non é máis que un exemplo da situación de abandono na que o Concello de Ordes mantén as infraestructuras do ámbito rural" 

O Partido Popular de Ordes anunciou esta tarde que defenderá no pleno municipal previsto para o próximo xoves 29 unha moción na que insta ao Concello de Ordes a incrementar a seguridade vial no tramo de pista en curva que discorre polo lugar de Vilariño, en Buscás, onde a escasa visibilidade, a falta de sinalización e a ausencia de beirarrúa está a provocar frecuentes accidentes, o último dos cales se produciu en outubro.

Os veciños de Vilariño, asegurn os populares, impotentes ante a sucesión de accidentes neste punto e desesperados pola nula resposta que o Concello ofrece fronte a esta situación, trasladaron os feitos ao portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, quen reclamará unha solución no vindeiro pleno.

Tramos de baixa visibilidade en Vilariño (Buscás), denunciados polo PP de Ordes. 
Perigo para veciños e peregrinos
Por esta curva discorre ademais o trazado do Camiño Inglés de peregrinación a Santiago, polo que o risco non é só para os veciños e conductores que utilizan esta estrada, senón tamén para os numerosos peregrinos que transitan esta senda para dirixirse a Compostela.

A ausencia de visibilidade vese acentuada, ademais, pola ubicación dunha marquesiña que limita o campo de visión dos veciños que se incorporan á estrada cos seus vehículos.

Demandas
Para superar estas carencias e tratar de reducir a sinistralidade neste punto, o Partido Popular reclama ao Concello de Ordes a que instale sinais de perigo por curva perigosa e de limitación da velocidade a un máximo de 50 km/h no tramo de curva; que coloque bandas rugosas permanentes nas inmediacións das dúas interseccións de maneira que os vehículos se vexan obrigados a reducir a velocidade; e que se mellore a visibilidade colocando cadanseu espello nas dúas interseccións para garantir a incorporación segura dos vehículos á estrada.

Ademais, o Partido Popular estima necesario estudiar a posibilidade de reubicar a marquesiña que reduce a visibilidade nunha das interseccións e instalar gardarraís no vértice exterior da curva, con espazo suficiente para facilitar o acceso ás fincas de labor.

Para mellorar a seguridade dos peóns que camiñan por esta zona –peregrinos, que descoñecen a perigosidade do tramo, en moitos casos-, o Partido Popular insta ao Concello a construír unha beirarrúa elevada sobre o nivel de asfalto, aproveitando o sobreancho a base de saburra xa existente na zona.

José Luis Martínez Sanjurjo, do PP.
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"O que está a acontecer en Vilariño non é máis que un exemplo da situación de abandono na que o Concello de Ordes mantén as diferentes infraestructuras do municipio, en especial as do ámbito rural, mentres derrocha cartos a manchea en obras de discutible utilidade e nula demanda social, como a ampliación da Casa Consistorial ou da Cidade Deportiva"

*