Xesús Pedreira: “Pretendemos que, en caso
dun desafiuzamento, o Concello de Ordes dea orde á Policía Local de non
colaborar na súa execución"
"E tamén que o Concello invite aos veciños a que retiren as súas contas daquelas entidades que segan a executar desafiuzamentos"
Os socialistas de Ordes solicitarán no pleno
municipal do vindeiro 29 de novembro que o Concello de Ordes non colabore coas
entidades bancarias que non deteñan os desafiuzamentos.
“Pretendemos que, en
caso dun desafiuzamento, o Concello de Ordes dea orde á Policía Local de non
colaborar na súa execución, que se ten conta nesa entidade proceda á súa
retirada e mesmo que invite aos veciños de Ordes a que fagan o proio e tamén
retiren as súas contas daquelas entidades que segan a executar
desafiuzamentos”, explica o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira.
Antecedentes: Silleda
O secretario xeral da Agrupación Socialista de
Ordes indica que esta proposta “está baseada nunha moción aprobada por unanimidade no Concello de Silleda no que se acordou interpelar aos bancos para
esixirlles a paralización de execucións hipotecarias, baixo advertencia de
retirada de fondos municipais, e poñer os servizos xurídicos do Concello a
disposición dos afectados”.
Pedreira espera conseguir o apoio dos distintos
grupos municipais a unha medida que complementará e incrementará a protección
dos veciños e veciñas de Ordes incluída nas medidas anunciadas hoxe pola banca
ao Ministerio de Economía.
Xesús Pedreira. |
Cidade solidaria co alzheimer
Por outra banda, Pedreira solicitará que o
Concello de Ordes se declare “Cidade Solidaria co Alzhéimer”, apoiando así a
iniciativa liderada pola Alianza polo Alzhéimer, que reivindica a posta en
marcha dunha política de estado para o Alzhéimer.
Xesús Pedreira explica que
“en Ordes hai unha importante incidencia desta enfermidade entre os nosos veciños
que, á falta de recursos específicos, teñen que engadir as dificultades
derivadas da súa lonxanía con respecto a áreas urbanas de maior dimensión”.
Basta con dicir que os custes directos e indirectos que xera o Alzhéimer entre
as familias supera os 30.000 euros.
Pedreira considera que esta adhesión sería “un
xesto institucional que pode servir de exemplo a outros municipios e que
servirá de apoio á sensibilización e concienciación da sociedade, das
institucións e dos políticos sobre esta situación sociosanitaria”.
*