sábado, 5 de mayo de 2012

A ronda leste, primeiro paso de cara á definitiva 'humanización' da vila de Ordes

A rúa Real de Ordes, rebautizada en agosto de 1923 como avenida de Alfonso Senra, nunha foto dos anos 40.

A debate a peatonalización do tramo da avenida de 
Alfonso Senra entre o Nogallás e a Casa do Concello (I)

A historia contemporánea do concello de Ordes está irremediablemente unida á estrada nacional 550 A Coruña-Tui. Xa baixo a histórica denominación de ‘carretera de La Coruña’, a vía aparecía inmortalizada, ao seu paso pola parroquia ordense do Mesón do Vento, en La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín


Existe tamén a certeza de que Federico García Lorca pasou por Ordes, no seu camiño por esa mesma estrada entre A Coruña e Santiago de Compostela co grupo teatral de La Barraca, na mañá do mércores, 24 de agosto de 1932.

Un 'pellejero' de Sogama xira dende a avenida de Alfonso Senra para entrar na rúa do Recreo de Ordes.
Ordes, apeadeiro
Pero sería dende mediados do século XX, coa proliferación do tráfico rodado polas carreteras españolas, cando a vila de Ordes gañou boa parte da súa fama como principal apeadeiro na viaxe entre ambas principais cidades da provincia coruñesa. Un traxecto de 62 quilómetros e dunhas dúas horas de duración que convidaba a moitos a facer un alto na metade do camiño, precisamente á altura da vila de Ordes. Establecementos hosteleiros como o Nogallás, o bar Juanito ou o restaurante El Túnel deron boa conta durante décadas deste filón comercial á hora de despachar comidas, cafés e tamén os populares 'queiques' aos viandantes.

En setembro de 1976, a primeira ameaza chegaba a este próspero negocio surxido ao amparo do tráfico rodado. Autopistas del Atlántico (AUDASA) daba comezo ás obras da autoestrada Santiago-A Coruña que finalmente, na tarde do 27 de abril de 1979, entraba en funcionamento. A distancia entre unha e outra cidade reducíase en dous quilómetros e cubríase en apenas trinta e cinco minutos baixo unha peaxe de 50 pesetas.

O proxecto da ronda leste, tal e como foi presentado pola Xunta de Galicia e o Concello en febreiro do 2009.
Seis mil camións diarios
O certo é que a pesares da entrada en funcionamento desta importante infraestrutura que é a AP-9, a vila de Ordes seguiu a rexistrar un altísimo volume de tráfico pesado  cifrado en 2009 por fontes municipais en “máis de seis mil camións diarios”. 


Así, e durante estas tres últimas décadas, Pleno tras Pleno, Goberno tras Goberno e lexislatura tras lexislatura, a posición prácticamente unánime de todos os grupos municipais do Concello de Ordes fronte ao insoportable tráfico que diariamente ven acollendo a avenida de Alfonso Senra parecía non concretarse en nada. En outubro do 2007, A Galega emitía unha reportaxe denunciando o que a diario a vila de Ordes vese obrigada a sofrer:


Unha ‘longa noite de pedra’ chamada a rematar trinta anos despois coa ronda leste, unha circunvalación posible grazas ao convenio asinado en febreiro de 2009 entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ordes. O obxectivo, tal e como o deixaron claro o alcalde de Ordes, Manuel Regos, e a conselleira María Xosé Caride, non era outro que atallar definitivamente de Ordes ese insoportable tráfico de catro camións por minuto por cada día das nosas vidas.

Tapón de tráfico pesado na avenida de Alfonso Senra.
Alfonso Senra
Pero agora xa temos AP-9 e a ronda leste vai camiño de rematar neste mesmo ano de 2012, e agora que? O pasado 22 febreiro, Manuel Regos declaraba en Ordessiete que o proxecto urbanístico de Ordes en absoluto remataba coa entrada en funcionamento desta circunvalación. 

Regos, segundo declarara a Ordessiete, pretende un concello “saudable, rico e próspero, e con equilibradas areas comerciais, residenciais e industriais”, e nese obxectivo, o alcalde mostraríase partidario dunha intervención na avenida de Alfonso Senra ao seu paso polo centro da vila, especialmente aos cincocentos metros que separan o restaurante Nogallás da antiga Casa do Concello. “Peatonalizar ese tramo da avenida é unha das nosas asignaturas pendentes. Confío que logremos ese obxectivo nesta mesma lexislatura”, afirmou.


A opinión do experto
Ordessiete consultou esta pretensión cun arquitecto urbanista, bo coñecedor da realidade de Ordes, que prefire manter o anonimato. Segundo este experto, a actual accesibilidade á vila de Ordes “non é a propia dos tempos que estamos a vivir”. Nos convida a poñer os ollos nos modelos europeos: “Resultaría impensable en Europa que unha arteria coma a N-550 e co altísimo tráfico que soporta diariamente, atravesara en canal, de lado a lado, unha vila habitada como é a de Ordes”, afirma.



Resultado da peatonalización da rúa de Gutiérrez Mellado, en Pontevedra.
Beneficios da peatonalización
Iso si, e pese a amosarse partidario do ‘proceso de humanización’ das vilas e ciudades, o experto advirte de que este tipo de actuacións son "irreversibles”. Así a súa adaptación “deberá estudiarse con anterioridade e con todo detalle”, apunta. Coñecer a opinión cidadá, e sobre todo a dos comerciantes da zona resulta, a todas luces, "imprescindible". 


A clave nesas conversas, asegura o arquitecto consultado, pasaría por “convencer gradualmente á poboación dos beneficios da recuperación das vías urbás para os peóns”. O experto alerta de que os procesos de peatonalización “esixen concienciar á sociedade de que outro sistema de mobilidade nas vilas e cidades non só é posible, senón que ademais, é o mellor”. 


O problema, apunta o experto “está no imaxinario de moitos veciños e sobre todo de moitos comerciantes que asocian a peatonalización co peche da rúa". Pensamento que recoñece, “hai que atallar de forma moi suave e escalonada”, tal e como se fixo, por exemplo, na vila pontevedresa de Marín


Así, o proceso de humanización de Ordes, afirma o urbanista, “debería comezar xa mesmo restrinxindo a velocidade de circulación no centro da vila a velocidades máximas de 20 quilómetros por hora”. Unha segunda fase, sempre segundo este experto consultado, “pasaría por pechar o tráfico a avenida de Alfonso Senra os domingos dos meses de verán para logo ir aumentando a súa peatonalización gradualmente no tempo, ata chegar ás fins de semana de todo o ano”.


Así, e unha vez coñecida esta primeira experiencia a modo de simulacro, "o Concello de Ordes contaría cunha folla de ruta excepcional para dar o paso, ou non, de cara á peatonalización de boa parte da avenida de Alfonso Senra", sinala.


A Praza de España e ao fondo, a Casa do Concello de Pontevedra, logo da súa peatonalización.
A 'humanización' de Pontevedra
Coñecer o xeito no que resultou o  proceso de ‘humanización’ noutras vilas e cidades resulta de interese antes de tomar unha decisión hacia Ordes. Quizá un dos exemplos máis paradigmáticos neste sentido sexa o de Pontevedra. A inicial e furiosa oposición dos comerciantes á peatonalización do seu casco urbán deu paso á unánime admiración


Hoxe, case un ano despois da 'humanización' das súas céntricas rúas de Benito Corbal ou Daniel de la Sota, as antes críticas voces dos comerciantes tornáronse nunha gran satisfacción por parte dos comerciantes e un recoñecido pulo ao comercio pontevedrés.   

Resultado da peatonalización do Eixo do Carmo, en Cartagena (Murcia).
O caso de Cartagena
Fora de Galicia, un caso moi significativo aconteceu con Cartagena. En xullo de 2011, o Goberno municipal recibiu non só furibundas críticas ao seu plan de peatonalización, senón tamén ameazas, insultos e mesmo agresións a membros do seu Goberno municipal por parte dos comerciantes da zona. As obras de peatonalización mesmo tiveron que ser custodiadas por axentes da policía municipal durante toda a intervención. 

Cinco meses despois de rematada a obra, en decembro do 2011, o diario murciano La Verdad fixo unha enquisa entre os comerciantes das zonas intervidas para coñecer a súas respostas ante o cambio sofrido. O resultado foi sorprendente: O apoio á humanización foi prácticamente unánime” por parte deses mesmos antes enfurecidos comerciantes.   

*