Gonzalo Castro estima nuns 30.000 euros anuais os ingresos deixados de ingresar en Ordes por parte da Igrexa Católica, e de 200 millóns en toda Galicia
O portavoz do
BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hoxe a presentación dunha moción que será
debatida polo Pleno do vindeiro xoves, onde os nacionalistas proporán que se
inste ao Goberno Central para que elimine a exención do pago do Imposto sobre
Bens Inmobles (IBI), da que gozan os bens propiedade das distintas confesións
relixiosas.
O portavoz do
BNG de Ordes afirmou que “estase a facer recaer sobre as costas da
cidadanía as consecuencias da crise económica con recortes de dereitos sociais,
baixada dos salarios e aumento de diversos impostos, incluído o IBI, mentres se
manteñen privilexios tan anacrónicos e inxustos como a exención do pago deste
imposto por parte das confesións relixiosas”
Gonzalo Castro
salientou que “no caso do Concello de Ordes, os cidadáns sufrirán unha
desproporcionada subida do IBI, que se verá incrementado nun 23%, situación que
contrasta inxustamente coas exencións fiscais que desfrutan a igrexa católica e
outras confesións, que veñen recollidas na Lei de facendas locais”
Contido da moción
A continuación, transcribimos o contido da moción nacionalista:
Ao alcalde-presidente do Concello de Ordes
Gozalo-Henrique Castro Prado, portavoz
do Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, ao abeiro do disposto no
artigo 97 do Real
Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de
organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades locais,
presenta a seguinte MOCIÓN para instar a eliminación da exención do pago do IBI
da Igrexa Católica e outras confesións.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Estamos a sufrir unha situación
crítica a nível económico no Estado Español, que tamén está afectando de xeito
importante aos veciños e veciñas de Ordes, mentres vemos unha absoluta
permisividade dos poderes públicos co espolio desenvolvido polos mercados, os
especuladores e os bancos, coa circulación de diñeiro negro e co enorme fraude
fiscal existente, faise recaer sobre as costas da cidadanía as consecuencias
desta crise económica: paro, aumento da pobreza, recorte de dereitos sociais,
aumento do IRPF, baixada dos salarios e aumento de diversos impostos, incluído
o imposto de bens inmobles (IBI).
Debemos lembrar que de forma
absolutamente desproporcionada e inxusta, o RDL 20/2011, de 30 de decembro, de
medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a
corrección do déficit público, instou ás Corporacións Locais, cunha clara
vulneración da autonomía local a unha subida do IBI de entre o 4 e o 10%.
No caso do Concello de Ordes, os
cidadáns sufrirán unha desproporcionada subida do IBI, que se verá incrementado
nun 23%, situación que contrasta inxustamente coas exencións fiscais das que
gozan diversas entidades, en especial a igrexa católica e outras confesións, que veñen recollidas na Lei de facendas Locais.
Facendo un cálculo aproximado, co
tipo impositivo actual, se se eliminase a exención do pago do IBI ás confesións
religiosas, só polo pago deste imposto, no tocante aos bens Igrexa Católica, os
Concellos galegos percibirían perto de 200 millóns de euros de ingresos que
contribuirían de xeito importante á mellora dos servizos públlicos que deben
prestar aos cidadáns e a sanear ás maltreitas finanzas das entidades locais.
Se falamos do Concello de Ordes, e
facendo un cálculo aproximado (tendo en conta a opacidade existente nos bens
titularidade da Igrexa Católica), coa subida do IBI prevista e a actualización
dos valores catastrais, concluiríamos que o noso concello podería recadar perto
de 30.000 euros anuais en concepto de IBI só polos bens propiedade da Igrexa
Católica.
O BNG ten proposto en reiteradas
ocasións no Congreso dos Deputados e no Senado que se modificasen os tratados
vixentes coa Santa Sede para rematar cuns privilexios fiscais que consideramos
anacrónicos e inxustificábeis no contexto actual de crise económica. Máis ainda
se temos en conta que a Constitución de
1978 declara que “ningunha confesión terá carácter estatal”, un feito que
supuxo a superación do status confesional que o Estado español mantiña até esa
data.
A Corporación Municipal de
Ordes, tendo en conta a inxustiza desta situación, debe instar tamén ás
administracións competentes a que realicen as actuacións que permitan que se
elimine a exención á igrexa católica e outras confesións relixiosas, do pago
dun imposto municipal, como é o IBI.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal
do BNG de Ordes, propón á Corporación Municipal de Ordes, a adopción do
seguinte
ACORDO
1.- Instar ao Goberno Central e ás
Cortes Xerais, a que se suprima da Lei
de Facendas Locais, a exención do IBI (imposto de bens inmobles rústicos e
urbanos) á igrexa católica e outras confesións relixiosas.
2.- Instar ao Goberno Central e ás
Cortes Xerais a que se derroguen os Acordos do Estado español coa Santa Sede,
especialmente o de Asuntos Económicos, reformando a Lei de Mecenazgo e
Fundacións de acordo con esta derrogación.
3.- Instar ao Goberno municipal a que
realice as xestións necesarias para realizar un inventario municipal dos bens
inmobles rústicos e urbanos que están censados e rexistrados a nome da igrexa
católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e
asociacións afíns, co fin de facilitar o cobro do IBI destes bens inmobles.
4.- Instar ao Goberno da Xunta a
defender todas estas reformas diante do Goberno Central, actuando en defensa
dos Concellos galegos e da súa cidadanía, diante desta inxusta e anacrónica
situación.
5. Dar traslado do presente acordo ao
Goberno Central, ás Cortes Xerais do Estado e ao Goberno da Xunta de Galiza.
Ordes,
a 28 de maio de 2012
Gonzalo Castro Prado. |
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Facendo un cálculo aproximado, co tipo impositivo
actual, se se eliminase a exención do pago do IBI ás confesións relixiosas, o
noso concello podería recadar perto de 30.000 euros anuais en concepto de IBI
só polos bens propiedade da Igrexa Católica, uns ingresos que que poderían
contribuir á mellora dos servizos públicos que se deben prestar aos cidadáns”
“A Constitución de 1978 declara que ningunha confesión terá carácter estatal, un
feito que supuxo a superación do estatus confesional que o Estado español
mantiña até esa data, de aí que non se entenda a permanencia destes anacrónicos
privilexios”
"Espero que a Corporación Municipal apoie esta proposta e inste ás administracións
competentes a eliminar a inxustiza que supón a exención á Igrexa Católica e
outras confesións relixiosas, do pago dun imposto municipal, que afecta a todos
os veciños, como é o IBI”
*