domingo, 13 de mayo de 2012

O BNG, a favor da participación pública no polígono de Pardiñas

Montserrat Rei acusa a Manuel Regos de "renunciar" a impulsar esta zona industrial de Ordes

A concelleira do BNG de Ordes, Montserrat Rei, afirmou onte que o alcalde, Manuel Regos pretende aprobar no Pleno que se celebrará mañá, “a renuncia do Concello de Ordes a impulsar e promover o polígono industrial de Pardiñas”.

Rei salientou que “o alcalde propón para este Pleno modificar o sistema de xestión do hipotético polígono industrial de pardiñas, eliminando a participación da administración pública e deixando exclusivamente á iniciativa privada a súa promoción e desenvolvemento”.

Montserrat Rei, afirmou que “o BNG propuxo na comisión de urbanismo que se asegurase a participación pública na promoción do polígono, para garantir o acceso ás parcelas con prezos asequíbeis e evitando a especulación, mais o alcalde negouse a contemplar esta iniciativa do BNG”.

A concelleira nacionalista acusou ao alcalde de Ordes “de liquidar definitivamente a posibilidade de ampliar o solo industrial de Ordes con prezos asequibles cun polígono industrial na zona de Pardiñas”.

Retraso do PXOM
Rei afirmou que “o alcalde estivo enganando aos veciños de Ordes coa promesa electoral dun novo polígono, cando non fixo nada para impulsala como o demostra o retraso deliberado da tramitación do novo PXOM, e agora pretende eludir as súas responsabilidades pasándolle a pelota aos propietarios dos terreos”.

A concelleira do BNG finalizou facendo fincapé en que “o alcalde renuncia a levar a cabo un proxecto que podería atraer novas empresas e actividades ao noso concello, condenando a Ordes a seguir soportando unha das cifras de desemprego máis altas da provincia da Coruña, con máis de 1.270 desempregados rexistrados”. 

*