viernes, 4 de mayo de 2012

O Concello de Ordes tramita as inscricións para os campamentos de verán da Deputación


Este ano o programa inclúe actividades como volei praia, vela, tenis, golf ou visitas culturais

O Concello de Ordes tramitará ata o próximo 1 de xuño as inscricións para poder participar nos campamentos deportivos 2012 organizados pola Deputación da Coruña e dirixidos a rapaces e rapazas de 9 a 13 anos.

Golf, vela de cruceiro, tenis, volei praia, visitas culturais guiadas pola Coruña e comarca, xogos cooperativos e de praia, ou as olimpiadas de paz son algunhas das actividades previstas para este verán. O colexio Calvo Sotelo, ubicado na cidade da Coruña, servirá de aloxamento para todos os participantes. Realizaranse tres quendas que se distribuirán según o concello de procedencia dos participantes e que no caso de Ordes será durante a semana do 8 ao 14 de xullo. A cuota de inscrición ascende a 85 euros e inclúe o transporte interno, estadía, manutención, así como os gastos derivados das actividades programadas.

Reserva de praza
Todos os interesados poden pasar polo departamento de Cultura e Deportes do Concello de Ordes e formalizar a súa reserva de praza. Para elo deberá entregar unha ficha cos seus datos que lles será entregada no mesmo Concello. Tamén é preciso unha foto tipo carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, outra do carné de identidade ou do libro de familia, copia do pagamento das cuotas así como un xustificante médico se o menor precisa dalgún tratamento específico. 

No caso de que o número de solicitantes sobrepase o de prazas ofertadas éstas asignaranse mediante sorteo.

*