jueves, 3 de mayo de 2012

Mesón do Vento acolle este sábado unha renovada feira da Adina co obxectivo de promocionar o agro ordense

Todos os interesados en promocionar os seus productos poderán facelo de xeito gratuíto nun posto feiral

Luis Gómez: "Feiras coma esta nos serven para dar a coñecer en toda a provincia a gran calidade dos productos do noso eido rural"

O próximo sábado 5 de maio, o Mesón do Vento acollerá unha nova edición da feira da Adina, unha cita empresarial que se presenta como un dos puntos de compravenda de gando máis destacado de toda a provincia para esa fin de semana. O mercado de gando abrirá as súas portas dende primeira hora con exemplares de raza vacuna, equina e porcina, ademáis de contar con outro tipo de postos como os textís ou os de alimentación

En colaboración co Concello de Ordes, un grupo de empresarios da zona pretende así dinamizar esta cita que conta xa con máis de cen anos de antigüidade e que se ven celebrando todos os sábados víspera do primeiro e terceiro domingo de cada mes.

Programa 
O programa desta nova edición prevé tamén unha exhibición cabalar que dará comenzo a partir das 10:00 horas. A partir das 13.30 horas haberá unha sesión vermú musical para dar paso a un xantar elaborado polos restaurantes e establecimentos hostaleiros da zona. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, unha ruta cabalar percorrerá arredor de vinte quilómetros de traxecto a través dos montes e sendeiros desta parroquia ordense. Finalmente e como peche á xornada, o restaurante Avelino celebrará unha cea especial con baile.

A Feira da Adina está ademais aberta a todos os que queiran participar nela ofrecendo os seus productos do agro. Neste caso, deberán contactar coa organización quen lles habilitará un posto feiral a todos os interesados de xeito completamente gratuíto. 

O edil ordense Luis Gómez Candal.
As frases de José Luis Gómez Candal, concelleiro de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible de Ordes
“Dende o Concello de Ordes traballaremos para que esta cita empresarial con tanta tradición no noso municipio se perpetúe no tempo. Queremos que a Feira da Andina non só se manteña senón que avance, xa que este tipo de mercados teñen unha gran importancia de cara a promocionar a gran calidade dos productos do noso eido rural" 

"A feira da Andina é un bo xeito de contribuir á competitividade do noso campo e da nosa industria gandeira, ademáis de servir de gran estímulo para a economía da zona e da actividade hostaleira”

*