jueves, 24 de mayo de 2012

Sanjurjo: "O Concello asómase ao abismo mentres o interventor advirte do 'total incumprimento' do plan de saneamento de 2009"

Para o portavoz municipal popular, "resulta dramático que tanto derroche se esfumase sen que os veciños que van pagar as débedas se beneficiasen de servizo algún"


"Cada día que pasa, o Concello de Ordes asómase máis ao abismo orzamentario", asegurou hoxe o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. Así o acredita, asegura o popular, "un recente informe do interventor municipal que denuncia o total incumprimento do plan de saneamento aprobado no ano 2009". Dito informe alerta de que o Goberno local "debe tomar medidas drásticas que non poden demorarse nin un instante máis, dada a gravidade da situación e a pasividade do alcalde, a pesar de que estas medidas veñen sendo esixidas por esta intervención”.

Este informe da intervención municipal, asegura Martínez Sanjurjo, "é unha esixencia da norma estatal que regula o plan de saneamento municipal de 2009, que daquela permitiu ao Concello de Ordes obter un crédito de algo máis de un millón de euros".

Entre outros "datos alarmantes", o informe do interventor sinala que durante o exercicio de 2011, "o Goberno local de Manuel Regos xerou gastos extraorzamentarios que superan os 936.000 euros. Mentres, e tan só en 2011, a desviación orzamentaria xerada ascende a 3.163.000 euros (remanente líquido negativo de tesourería)".

Trátase, en opinión do PP local, dunha "cifra astronómica” para un Concello de 13.000 habitantes, durante un exercicio no que, "máis aló da custosa campaña electoral desenvolvida polo actual alcalde, os servizos municipais enfilaron unha espiral de deterioro". 

Martínez Sanjurjo.
Débeda municipal
Dende o PP de Ordes aseguran que "no seu conxunto, e sumando o crédito de 2,7 millons de euros que  se ven de formalizar no marco do plan de pago a provedores do Ministerio de Facenda, e que suporá mais de un millón de euros máis en xuros, o Concello de Ordes amorea unha débeda de mais de dez millons de euros, que deberán pagar todos os veciños cos seus impostos".

En opinión de Martínez Sanjurjo, "resulta dramático que todo o derroche cometido polo Concello de Ordes se esfumase sen que veciños se beneficiasen de mellora algunha nos servizos públicos que reciben e, pola contra, sexan condenados a padecer en carne propia os efectos da política que levou o Concello á bancarrota".

*