martes, 29 de mayo de 2012

O PP de Ordes reclama melloras na sinalización e na seguridade da rolda leste


Os populares presentarán iniciativas no Pleno para que o Concello corrixa as carencias que presentan as dúas rotondas do vial recentemente inaugurado 

En tan só un mes xa se teñen rexistrado accidentes na rotonda de enlace da rolda leste coa N-550 e coa estrada de Cerceda, aseguran dende o PP 

O Partido Popular de Ordes presentará no Pleno previsto para este xoves diferentes iniciativas  encamiñadas a mellorar a seguridade do trazado e a sinalización do último tramo da rolda leste, inaugurado o pasado 26 de abril.

O Grupo Municipal do Partido Popular instará ao Goberno local, a través dunha moción, a formalizar a permuta dun predio situado ao carón da rotonda da Gorita, de xeito que se poda eliminar un muro elevado que dificulta a visibilidade e afecta á seguridade viaria nesa zona.

Os populares de Ordes tamén trasladarán ao Pleno da Corporación outras iniciativas para instar ao equipo de Goberno local a mellorar a seguridade na rotonda que enlaza a rolda leste coa estrada Nacional -550 e coa de Cerceda, dado que pese que tan só transcorreu  un mes desde desde a entrada en servizo do novo vial xa se teñen producido accidentes neste punto. E o risco pode incrementarse exponencialmente en situacións meteorolóxicas adversas ou con escasa visibilidade.

Mellorar a sinalización
Ao tempo, o PP buscará un acordo para mellorar a sinalización da rolda leste, tendo en conta as situacións de confusión que se teñen producido entre condutores non familiarizados con esta zona.

A rolda leste de Ordes executouse en virtude dun convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia. A Administración municipal encárgase de executar as obras, que son financiadas pola Xunta unha vez que o Concello presenta as correspondentes certificacións.

Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municpal do Partido Popular de Ordes
“O pasado 26 de abril foi un día histórico para Ordes na medida en que entrou en servizo o derradeiro e máis necesario tramo da rolda leste, unha infraestrutura longamente agardada polos veciños e veciñas e financiada integramente pola Xunta de Galicia”

"Durante esa xornada restituíu a verdade en relación co financiamento da obra, pois acreditouse que mentres o Concello de Ordes bate récords de morosidade, a Xunta do Partido Popular sí paga puntualmente as súas facturas”

*