O sector perdeu máis de 500 empregos en Ordes nos últimos catro anos, segundo os socialistas
Xesús Pedreira: "Temos que apostar por un emprego de calidade no textil de Ordes"
O PSdG-PSOE confirmou hoxe en Ordes que pediralle á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Estratéxico
para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes, que deberá presentarse no Parlamento
de Galicia no prazo de tres meses. Un plan que deberá contemplar medidas de apoio
ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais
específico para o sector téxtil, bonificacións de cuotas á Seguridade Social e
ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector.
Así o anunciou
o deputado autonómico socialista Xosé Luís Méndez Romeu durante a
comparecencia realizada esta mañá en Ordes para presentar as iniciativas
socialistas a prol do sector téxtil na comarca ordense, que inclúen a
presentación dunha proposición non de lei e varias preguntas ao Pleno do
Parlamento.
Méndez Romeu explicou que “dende xaneiro de 2008 téñense perdido 332
empregos no sector téxtil na comarca de Ordes, o que significa un tercio da
capacidade productiva desta comarca, mentres que no resto de Galicia o sector
medra nun 12%”. Unha situación que o secretario xeral da Agrupación Socialista
de Ordes, Xesús Pedreira, considera “especialmente preocupante, pois a eses 332
empregos por conta allea perdidos hai que sumarlle outros 200 correspondentes a
pequenos autónomos, polo que estamos falando dunha perda de máis de 500
empregos na comarca”. Unha destrucción de emprego motivada, sobre todo, pola
competencia polo prezo, que fixo que os talleres da comarca de Ordes fosen
substituidos pola deslocalización no estranxeiro, principalmente en países como
Marrocos, Romanía, India ou China.
Aposta pola calidade
Pedreira Mirás lembra que “Ordes é unha comarca de 40.000 persoas que vive
principalmente dos sectores gandeiro e téxtil. Non podemos permitirnos máis parados,
temos que apostar por un emprego de calidade no téxtil”. Neste sentido, Méndez
Romeu sinalou que “a singularidade da comarca de Ordes esixe unha resposta
acaída ás necesidades daquí, onde se destruíu un 35% do emprego neste sector.
Existe a posibilidade de recuperar producción de grandes marcas porque en Ordes
hai empresas, hai infraestrutura técnica e traballadores cualificados”.
Por iso, o Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes deberá
incluir as medidas necesarias para o impulso da produción cooperativa en
actividades de subcontratación das industrias, considerando as diferentes fases
do proceso produtivo e non soamente as de menor valor engadido. “Non estamos
falando de veciñas que traballaban dez horas diarias por unha miseria, senón
dun sector que aposte pola calidade”, explica Xesús Pedreira, “Ordes chegou a
rexistrar máis de 60 pequenas empresas con maquinaria especializada, directivos
coñecedores dos procesos e persoal formado”.
Así mesmo, os socialistas solicítanlle á Xunta que facilite a participación
de empresas galegas nos procesos de compra estratéxica da administración no
sector, permitindo que poidan competir en igualdade de condicións cos grandes
grupos comerciais nos concursos para a provisión de roupa de traballo para o
Sergas, centros dependentes da Consellería de Benestar, etc. Segundo o deputado
autonómico Xosé Luís Méndez Romeu, “poñer en marcha a primeira fase deste Plan
Estratéxico custaría menos dun millón de euros, o cal é perfectamente asumible
por un IGAPE que no 2011 deixou máis de 113 millóns de euros sen executar”.
Apoio da comarca
Méndez Romeu e Pedreira Mirás estiveron acompañados na súa comparecencia
ante os medios de comunicación pola deputada autonómica Silvia Fraga e os
voceiros municipais socialistas de Frades, Xesús Manuel Iglesias; Tordoia,
Carlos García; Trazo, Beatriz Domínguez. A cercedense Silvia Fraga explicou que
“a comarca de Ordes ten potencial para recuperar o sector téxtil, ten xente
formada e preparada. A competitividade pasa por ofertar un proceso de
elaboración da prenda dende o principio ata o final”. A deputada socialista,
cofirmante da proposición non de Lei presentada no Parlamento, asegurou que “o
que propoñemos é factible e asumible pola Xunta. Os beneficios son moitos fronte
a uns custes mínimos”.
Pola súa banda, os voceiros socialistas en Frades e Tordoia coincidiron en
facer un chamamento ás grandes empresas téxtiles de Galicia e España en contra
da deslocalización da produción. “Na comarca de Ordes pódese facer un produto
aínda mellor e a diferencia de costes non é tan grande”, apuntou Carlos García,
voceiro socialista en Tordoia; mentres que dende Frades, Xesús M. Iglesias fixo
un “chamamento ás firmas galegas que fabrican as súas prendas fóra e que venden
como galego un produto que é galego a medias. Aquí estamos preparados e temos a
cualificación necesaria para atendelos. Hai que apostar polo noso e por crear
emprego en Galicia”.
*