jueves, 17 de mayo de 2012

Máis de 600 veciños homenaxearon aos premiados na V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes


Premiados polo concello de Ordes na V Gala do Deporte da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
A gala contou con dous invitados de excepción: Francisco González, 'Fran' (ex Deportivo) e Milorad Ratkovic (ex Celta)

Manuel Regos: “Esta gala é unha oportunidade para premiar o compromiso, a traxectoria deportiva e os logros dos nosos deportistas máis destacados”

Máis de seiscentos veciños e veciñas dos sete concellos da comarca de Ordes encheron o pavillón municipal de Sigüeiro durante a celebración da quinta edición da Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes, celebrada na noite de onte mércores en Oroso. Unha gala na que recolleron o seu galardón os 35 deportistas e entidades deportivas galardoadas, ben polo seu traballo no 2011, ben pola súa traxectoria ao longo da súa vida.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, asegurou que “a práctica deportiva ten un papel fundamental na vida dos nosos cidadáns, pois permite acadar un benestar físico, mental e social a todas as idades, constituíndo un dos piares fundamentais para levar unha vida saudable”. Regos Boquete asegurou que “dende os Concellos apoiamos decididamente o deporte, realizando investimentos para crear e mellorar espazos, instalacións e organizando diversas actividades e eventos deportivos”.

O presidente da Mancomunidade de Ordes explicou que “esta gala é unha oportunidade para premiar o compromiso, a traxectoria deportiva e os logros dos nosos deportistas máis destacados”, polo que felicitou aos 35 premiados e os animou a “continuar traballando e superándose cada día”.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, amosou o apoio do Concello que preside ao deporte.
Entrega de premios
A V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes foi organizada polo Concello de Oroso e patrocinada pola Deputación Provincial da Coruña. Contou, así mesmo, coa colaboración das empresas Base, Sportec Deportes e Deportes Capitán, que entregaron medallas e agasallos a todos os premiados. A Gala, que tivo unha duración de algo máis de dúas horas, foi presentada pola presentadora da TVG Irene Lourido e o locutor Gonzalo Faílde

Canda o anfitrión, Manuel Mirás, alcalde de Oroso, e Manuel Regos, tamén asistiron os alcaldes de Frades, Miguel Prado; Mesía, Mariano Iglesias; Tordoia, Antonio Pereiro; e Trazo, Xosé Dafonte; así como numerosos concelleiros dos sete concellos da comarca de Ordes. O alcalde de Cerceda, Xosé Luís Liñares, excusou finalmente a súa presencia, polo que o Cerceda estivo representado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Sánchez.

Ademais, a V Gala do Deporte contou coa participación de dous invitados especiais: Francisco González 'Fran' e Milorad Ratkovic, ex xogadores do RC Deportivo da Coruña e do RC Celta de Vigo, respectivamente, que espertaron moita espectacion entre todos os presentes. Así mesmo, tamén asistiu á gala o director da Fundación Celta de Vigo, José María Goicoa.

Os deportistas máis novos de Ordes, recibindo as súas medallas de mans da tenente de alcalde, Silvia Marín.
Premio Promesa Concello de Ordes
Se ben os xestos de aprezo estiveron presentes durante toda a Gala, houbo dous momentos especialmente tenros. En primeiro lugar, a entrega do premio promesa do Concello de Ordes, coa subida ao escenario de varias deceas de pequenos de idades comprendidas entre 4 e 5 anos, onde a anécdota a protagonizou un dos pequenos que fixo un amago de escapar sen recibir a súa correspondente medalla.

Momento da exhibición das rapazas do C.D. Ximnasia Rítmica orosán
Ximnasia rítmica
O outro momento emotivo da sesión tivo lugar coa exhibición a cargo das rapazas do CD Ximnasia Rítmica orosán, a única escola que o C.D. Ximnasia Rítmica Compostela imparte fóra do termo municipal de Santiago. As pequenas ximnastas de Oroso amosaron a súa gran técnica nunha pequena actuación que foi moi aplaudida por todos os presentes.

Finalmente, os profesores da Aula de Música do Concello de Oroso puxeron o punto e final a Gala, interpretando varias pezas musicais. Xa fora do pavillón, e no medio dunha noite cunha temperatura moi agradable, a ED Xuventude Oroso e o Sigüeiro FC ofreceron unha festa con chourizos e mexillóns, amenizados por un dúo musical.

Os alcaldes dos municipios da Mancomunidade de Municipios de Ordes  presentes hoxe na gala.
Premiados polo Concello de Ordes
Entre os premiados estiveron representados todas as modalidades deportivas, aínda que as máis representadas volven ser un ano máis o fútbol (13) e o atletismo (7), seguidos doutras modalidades como iudo, taekwon-do, hockei, tenis de mesa, rallies, patinaxe, salvamento ... e novidades como o a ximnasia rítmica ou os raids e carreiras de orientación. Os premiados nesta quinta Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes son:

 CONCELLO DE ORDES
1º PREMIO: Club SEO (carreiras de orientación e raids de aventura). Son campións da Liga Galega de Raids de Aventura e de Orientación (en categoría H-35). En 2011 tamén foron campións en Aventura no II porteAventura Raid e no II PontevedRAID, así como segundos en Aventura no I Raid de Xermade e en Elite e Aventura (Liga Galega) no Somozas Extreme.

2º PREMIO: AC Ordes Senior (hockey sobre patíns). Durante a pasada tempada conseguíu invicto o ascenso á Primeira División Nacional, antesala da OK Liga. A pesar das dificultades económicas, ten garantizado a súa permanencia.

3º PREMIO: Asociación Deportiva de Ordes (fútbol sala, tenis, tute, dardos), polas actividades que leva organizado ao longo dos seus tres anos de vida e polas que pasaron máis de 600 persoas.

CATEGORÍA PROMESA: SD Órdenes categoría Biberóns (fútbol base), nacida nesta tempada 2011-2012 co obxectivo de crear canteira, achegar e crear afección ao deporte do fútbol nos máis novos do concello (4-5 anos)

RECOÑECEMENTO ESPECIAL: Juan Fuentes Fernández (hockey e fútbol). Foi campión galego  e subcampión de España Infantil de Hockey co Liceo.Empezou a práctica do fútbol no 1993 e xogou ata o 2010 nos equipos: SD Club Ordes, SD Compostela e SD Ponferradina. Foi seleccionado pola Selección Galega Absoluta de Fútbol.

*