jueves, 3 de mayo de 2012

O PSOE de Ordes reclama a "inmediata sinalización" da ronda leste


Xesús Pedreira denuncia que o tráfico pesado segue a pasar polo centro da vila por non haber indicación algunha da existencia da circunvalación

Pedreira: "Esperemos que non haia que esperar varios meses como aconteceu coa rotonda de Buscás"

Os socialistas de Ordes denunciaron hoxe a ausencia dunha sinalización axeitada da rolda leste, o que na práctica se traduce en que os vehículos pesados seguen a cruzar o casco urbán de Ordes no canto de empregar a circunvalación inaugurada o pasado xoves polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Por iso, os socialistas de Ordes van solicitar tanto ao Concello de Ordes como ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia que tomen as medidas precisas para a inmediata sinalización da rolda leste.

A realidade, segundo o PSdG-PSOE de Ordes, é que os vehículos que circulan pola N-550 procedentes da Coruña non teñen indicación algunha da existencia dunha circunvalación da vila, pois o inicio da rolda leste só está sinalizado como acceso ao polígono industrial de Merelle. O mesmo sucede cos vehículos pesados que circulan aínda pola estrada de Mercurín


Neste sentido, o secretario xeral a Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, lembra que “un dos obxectivos principais da rolda leste era, precisamente, evitar o tránsito polo centro de Ordes dos vehículos procedentes de Sogama ou do polígono de Cerceda, que a través do polígono poderían chegar sen problemas ben á AP-9 ben á propia N-550”.

No caso dos vehículos que circulan pola N-550 procedentes de Santiago, tampouco teñen indicación ningunha da existencia da circunvalación, pois o cartel sinalizador só indica a posibilidade de acceder á Coruña por autopista, non pola propia N-550. De feito, a única indicación correcta da circunvalación está situada na rotonda de desvío a Buscás, que se construíu o pasado mes de abril.

Xesús Pedreira.
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
“O tráfico que chega a Ordes pola N-550 non ten indicación ningunha da existencia dunha circunvalación que lles evitaría ter que pasar polo centro da vila, polo que nestes días non se notou a posta en servizo da rolda leste e os camións seguen atravesando o casco urbán, coas molestias que conleva tanto para os veciños como para os propios condutores, que nas horas punta teñen que soportar retencións de tráfico”.

"Os socialistas de Ordes solicitamos a inmediata sinalización da rolda leste como vía de circunvalación de Ordes para que cumpra co cometido que lle corresponde, e que xa estaba contemplado no convenio que asinamos coa socialista María Xosé Caride en febreiro de 2006"

"A pesar de que houbo moitos que retrasaron e mesmo tentaron que se anulara a ronda leste, agora é unha realidade que contribuirá ao desenvolvemento económico de Ordes e mellorará a mobilidade e a calidade de vida dos nosos veciños”

“A instalación destes carteis indicadores debe facerse canto antes, para  que o tráfico pesado deixe de pasar polo centro de Ordes e para que se lle poda sacar o máximo partido a un investimento tan importante como a rolda leste. Esperemos que non teñamos que agardar varios meses como aconteceu coa rotonda de Buscás e que obrigou ao Partido Socialista a presentar iniciativas tanto no Concello de Ordes como no Parlamento de Galicia para conseguir a conclusión das obras”

*