lunes, 28 de mayo de 2012

O BNG non quere camións polo centro da vila de Ordes


Montserrat Rei: "A nosa proposta inclúe excepcións xustificadas, coma a carga e descarga ou o transporte público"
O BNG de Ordes anunciou esta mañá que o Pleno que terá lugar o vindeiro xoves, 31 de maio, debatirá unha moción dos nacionalistas na que se propón instar ao Ministerio de Fomento a prohibir o tráfico dos vehículos pesados, que circulen en dirección A Coruña ou Santiago, no tramo da N-550 que discurre polo centro da vila de Ordes, ao existir xa a alternativa da recentemente inaugurada ronda leste.
Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes, manifestou que “non resulta suficiente con sinalizar adecuadamente a nova ronda para sacar o tráfico pesado do centro de Ordes, é necesario que o Ministerio de Fomento, como titular da N-550, prohiba o tráfico pesado no tramo desta estrada que discurre pola vila de Ordes”.

Rei explicou que a proposta do BNG “ten como obxectivo que o Ministerio de Fomento prohiba o tráfico polo tramo da N-550 que discurre polo centro de Ordes aos vehículos cuxa masa máxima autorizada exceda as 3,5 toneladas, introducindo as sinais correspondentes nos accesos á vila de Ordes desde esta estrada”.

A concelleira do BNG explicou que “non existen razóns para non adoptar esta medida, xa que os camións que circulan cara A Coruña ou Santiago pola N-550 teñen unha alternativa para circunvalar o núcleo urbano sen pasar polo centro, a recentemente inaugurada ronda leste”.

A concelleira Montserrat Rei.
As frases de Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes 
"A nosa proposta inclúe excepcións en casos xustificados, nos que se podería permitir aos transportistas o acceso ao centro, como por exemplo no caso de que teñan como destino a carga ou descarga nalgunha empresa ou comercio da vila, ou o transporte público con paradas na vila, entre outros”

“No caso de transportistas de mercadorías que fornecen aos comercios e locais hostaleiros, na súa maioría non superarían a masa máxima autorizada de 3,5 toneladas”

“Despois de moitos anos de espera, a mobilización dos veciños e veciñas de Ordes, con máis de 3.000 sinaturas que solicitaron o desvío o tráfico pesado do centro da vila, especialmente os camións de lixo que teñen como destino Sogama, ten conseguido que se construise unha ronda alternativa para desviar o tráfico pesado do centro da vila, por iso debense realizar de xeito inmediato as xestións que permitan que a veciñanza poida desfrutar canto antes dos beneficios desta ronda”

*