martes, 29 de mayo de 2012

Debería Alfonso Senra en Ordes seguir o mesmo camiño que Millán Astray na Coruña?


Francisco Franco e Millán Astray, compadres.
Alfonso Senra, que participou na condea e perda da nacionalidade española de Alcalá-Zamora, é fillo predilecto de Ordes

A súa vinculación con Ordes únicamente debeuse ao interés do cacique comarcal Saturnino Aller porque ocupara a nosa praza no Congreso de Madrid

O Tribunal Superior de Xustiza (TSX) de Galicia ven de reafirmar a legalidade da retirada do título de fillo predilecto da Coruña ao militar Millán Astray Terreros (1879-1954), fundador da Lexión Española, quen logo de tomar parte activa na Guerra Civil no bando nacional formou parte das Cortes franquistas e do seu Goberno como xefe de prensa e propaganda.   

A sala segunda do contencioso-administrativo do TSX desestima así o recurso interposto pola Asociación Cultural e Deportiva de Veteráns da Lexión logo dun proceso xudicial cheo de controversias. Os feitos deron comezo o 3 de agosto de 1922, cando o pleno municipal da Coruña outorgou a distinción ao militar. Varias décadas máis tarde, coa entrada en vigor da Ley 52/2007 da 'memoria histórica', o Goberno municipal bipartito PSdG-BNG retirou tal distinción, pero a súa filla, Peregrina Millán-Astray Gasset, recurriu a decisión ante os xulgados. 

Así, en agosto de 2011, o xulgado do contencioso-administrativo número 3 da Coruña doulle a razón á familia Astray, obrigando ao consistorio coruñés a repoñer a dignidade do militar porque, segundo a sentencia, o nomeamento acordouse en 1922, “catorce anos antes da sublevación”, polo que non sería de aplicación a citada lei de memoria histórica. A sentencia foi recurrida finalmente pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en setembro desde mesmo ano nunha polémica decisión logo de que o Concello da Coruña decidira non presentar recurso ante aquela primeira decisión xudicial. Agora, o TSX dalles a razón e A Coruña deberá retirar definitivamente o título civil do militar franquista.

Alfonso Senra é fillo predilecto de Ordes dende 1923.
Alfonso Senra en Ordes
A situación en Ordes non é moi diferente á coruñesa. O 15 de agosto de 1923, unha corporación municipal moxigata e servil decidiu outorgar a súa maior dignidade, a de fillo predilecto, a un descoñecido avogado de Tui -fillo dun alcalde que fora de Vigo- e deputado en Madrid polo noso distrito de Santa María de Ordes. Un escaño que conseguira por designación directa da Xunta Provincial Electoral logo de acadar o apoio do cacique comarcal, Saturnino Aller

Este político patéticamente beneficiado polo viciado sistema lexislativo da época non foi outro que Alfonso Senra Bernárdez, a quen ademais a corporación municipal lle dedicaría, nese msmo acto, o nome da nosa principal avenida –por aquel entonces denominada rúa Real- como parte das prebendas servís ao descoñecido avogado e aos seus protectores.


Tribunal de Responsabilidades Políticas
Pero a posición política máis polémica de Alfonso Senra chegaria a finais da Guerra Civil, cando o réxime franquista o nomea vocal do Tribunal de Responsabilidades Políticas, un pavoroso corpo administrativo destinado a “reconstruir espiritual y materialmente la patria”. Así, a finais de abril de 1941, o fillo predilecto de Ordes asina o expediente de condea do presidente do Goberno de España durante a II República, Niceto Alcalá-Zamora, brilante xurista, republicano conservador e impecable demócrata. O fallo do tribunal do que Alfonso Senra formou parte condeou a Alcalá-Zamora ao pago de 50 millóns de pesetas “que comprende a totalidade dos seus bens” e así como á perda da nacionalidade española.

Cabe agora preguntarnos se é para nós unha honra contar con alguén así na nosa memoria histórica e na nosa dignidade como pobo, e se deberíamos seguir o mesmo camiño que tomou o Concello da Coruña para atallar do noso futuro as vergoñas do noso pasado.

*