martes, 8 de mayo de 2012

Os socialistas de Ordes, preocupados ante os perxuizos da nova demarcación xudicial


Novo deseño da demarcación xudicial de Galicia.
Xesús Pedreira: "O cambio pode poñer en perigo nun futuro próximo a supervivencia dos dous xulgados que actualmente temos en Ordes”

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, vén de instar ao alcalde ordense, Manuel Regos, a que de forma urxente convoque aos voceiros municipais para solicitar un pleno extraordinario no que debater o novo deseño de demarcación xudicial, que supón a desaparición de Ordes como Partido Xudicial. 

Xesús Pedreira, explica que “os socialistas entendemos que esta desaparición de Ordes como Partido Xudicial perxudica ao concello, tanto no económico como no xudicial, e pode poñer en perigo nun futuro próximo a supervivencia dos dous xulgados que actualmente temos na vila de Ordes e polos que tanto loitou o grupo socialista”.

Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes.
Unificar forzas
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes apunta que a desaparición dos xulgados ordenses “podería darse se onde se localice a capital no novo Partido Xudicial, Santiago, se cree unha Cidade da Xustiza onde se centralicen todos os xulgados”. 

Por iso, os socialistas de Ordes buscarán unificar as forzas políticas do municipio de cara a manter un criterio único que permita manter o Partido Xudicial de Ordes fronte ao novo deseño de Demarcación Xudicial.

O 19 de abril de 2012 o Consello Xeral do Poder Xudicial aprobou un documento cos principios e criterios básicos para o deseño das circunscripcións xudiciais de España. Así, o pasado xoves 3 de maio, a mesma institución aprobaba un novo mapa xudicial no cal desaparece Ordes como Partido Xudicial.

*