A Mancomunidade de
Municipios de Ordes organiza unhas xornadas gratuitas de orientación laboral
para mulleres residentes na comarca de Ordes. Unhas xornadas de dez horas de duración que terán lugar nos concellos de Ordes e de Oroso, aínda que
están abertas á participación de calquera veciña da comarca ordense. As
xornadas desenvolveranse durante tres días, en horario de 10 a 13:00 horas.
A
participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente no Centro de Información á Muller (981 682 108),
para asistir ás xornadas de Ordes, que se celebrarán do 23 ao 25 de maio na
aula de formación da rúa L. Xoxardo; ou ben nos Servizos Sociais de Oroso (981 688 950), para
asistir ás xornadas de Oroso, que terán lugar do 28 ao 30 de maio no centro
cultural Fernado Casas e Novoa.
Contidos dos xornadas
Durante a primeira mañá,
os técnicos do Servizo Emprega e do Centro de Información á Muller ensinarán ás
asistentes a deseñar o seu itinerario persoal, aprendendo a elaborar o seu
currículum e carta de presentación, como afrontar unha entrevista de traballo e
coñecendo as distintas fontes de emprego existentes.
Durante a segunda mañá, as alumnas adentraranse no mundo dos certificados de profesionalidade, que supoñen un recoñecemento da experiencia laboral para persoas que non teñen conseguido un título académico previo. A terceira xornada estará adicada aos dereitos e obrigas no ámbito laboral e nela analizarase polo miudo as claves da nova reforma laboral e farase unha semblanza do mercado laboral en Galicia. Ambas xornadas rematarán cunha hora de formación a distancia.
Estas xornadas están
organizadas pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, en
colaboración co Concello de Oroso e co Concello de Ordes, así como co Fondo
Social Europeo, a Xunta de Galicia, a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia e
o CIM de Ordes.
A frase de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
“O obxectivo destas xornadas é facilitarlles ás participantes os contidos básicos precisos para que deseñen o seu itinerario persoal, así como coñecer as ferramentas para a busca activa de emprego e os detalles da última reforma laboral”
*