Xesús Pedreira: "Chegáronos queixas dos veciños, especialmente na rúa do Muíño"
A Agrupación Socialista de Ordes solicitará na sesión plenaria ordinaria
deste xoves 31 de maio a elaboración dunha Ordenanza de Ocupación de Beirarrúas
para que a ocupación privativa dun espazo público se faga de acordo a criterios
de compatibilización do uso público coa utilización privada.
O seu voceiro municipal, Xesús Pedreira, considera urxente resolver este problema xa que “coa chegada
do verán vemos nas rúas de Ordes a proliferación de terrazas que, nalgúns
casos, non permiten o paso a peóns, cadeiras de rodas ou cadeiras de bebés”.
Unha petición que supón unha ampliación da moción que presentará tamén o grupo
socialista na sesión deste xoves para pedir melloras na seguridade viaria dos
peóns na rúa Alfonso Senra, onde se solicita que se dote as beirarrúas do ancho
suficiente para evitar que os peóns teñan que circular pola N-550.
Sector textil e medio rural
Así mesmo, os socialistas ordenses tamén preguntarán ao Concello de Ordes
polos investimentos que o Plan de Zona Terras de Santiago contempla no municipo
ordense. Un plan que no seu conxunto contempla uns investimentos de 170 millóns
de euros para os vindeiros catro anos pero onde se descoñece que proxectos se
contemplan en Ordes, o seu importe e a súa data de execución.
Finalmente, Xesús Pedreira buscará o apoio do pleno municipal ás propostas
presentadas polo PSdeG-PSOE para mellorar o sector téxtil de Ordes e frear a
destrución de emprego neste sector. Así, os socialistas instarán ao pleno
municipal a esixirlle á Xunta a presentación dun plan estratéxico para o sector
téxtil da comarca de Ordes e o impulso da compra estratéxica da Administración
no sector (de xeito que as empresas galegas poidan participar en iguais
condicións nos concursos de prendas téxtiles).
Xesús Pedreira Mirás. |
A frase de Xesús Pedreira, voceiro municipal do PSdG-PSOE de Ordes
“Chegáronos queixas por parte de veciños, especialmente na rúa do Muíño, onde pais e nais que baixan cos seus nenos de curta idade do colexio Campomaior encóntranse con que teñen que ir pola zona reservada aos vehículos porque algúns establecementos de hostalería non deixan o suficiente espazo para poder circular os peóns”
*