O CPI Pecalama de Tordoia acolleu recentemente os obradoiros sobre uso responsable das redes sociais. |
A Mancomunidade traballa nun obradoiro dirixido a pais e nais, “Familias e
redes sociais”, dirixido a fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
está a desenvolver nestas semanas os seus tradicionais obradoiros de prevención
de drogodependencias, que este ano inclúen como gran novidade información sobre
os abusos e adiccións que poden xerar as novas tecnoloxías, en xeral, e as
redes sociais, en particular. Uns cursos que se están a impartir a uns 150
rapaces de 3º e 4º de Secundaria do CPI O Cruce (Cerceda), CPI Pontecarreira
(Frades), CPI Xanceda (Mesía), IES nº 1 (Ordes), IES Oroso (Oroso), CPI
Pecalama (Tordoia) e CPI Viaño Pequeno (Trazo).
As intervencións están dirixidas a escolares que
cursan 3º e 4º de Secundaria, é dicir, rapaces e rapazas de entre 13 e 14 anos
de idade. Mónica González, técnico do Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de
Munipios da Comarca de Ordes, explica que “este ano decidimos tamén tratar o
tema do uso dos móbiles e das redes sociais pois practicamente todos eles teñen
Internet no móbil e andan sempre co Facebook e o WhatsApp. Moitos deles teñen
tarifa plana e os que non a teñen, saben ben como conectarse ás wifis”.
González sinala que “aínda que nos centros
educativos está prohibido levar os móbiles, o certo é que o sacan e o utilizan
igual, polo que esperamos que con estes talleres se decaten os abusos que en
ocasións fan dos módulos utilizando a empatía, é dicir, facendo que se vexan no
rol dos mestres ou dos seus pais diante dalgunhas prácticas perversas do uso
das novas tecnoloxías”. Neste sentido, a ténico do Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade lembra que “o uso masivo das redes sociais on line
fai que se convertan nun medio de relación e de socialización do rapaz, algo
que polo xeral é positivo pero que tamén ten os seus riscos”.
Familia e redes sociais
Por iso, estes obradoiros que se están a celebrar
na comarca son o punto de partida para unha nova iniciativa da Mancomunidade de
Municipios da Comarca de Ordes, denominada “Familias e redes sociais, estamos
conectados?”. Uns obradoiros dirixidos a pais e nais para que “se familiaricen
con este novo entorno e coñezan as súas posibles ameazas: fraudes, acceso a
contidos inaxeitados, ameazas á privacidade, ciberbulling... e sobre todo para
coñecer estratexias de prevención e actuación ante estas posibles actuacións”,
apunta Mónica González.
Nestes momentos, a Mancomunidade está en contacto
coas distintas asociacións de pais dos colexios e institutos da comarca para
concretar as datas de celebración deste obradoiro, que tería lugar en sesións
de tarde durante dous meses. O obxectivo é comezar a impartir algún destes
obradoiros durante os meses de maio e xuño, mais a actividade seguirase
ofertando no curso 2012-2013.
Entre outros aspectos, explicaráselles aos pais
que hai que poñer límites ao uso das redes sociais tanto no tempo máximo de uso
como na súa frecuencia e lugar de emprego. Ademais, daránselles consellos para
previr o uso perverso dalgunhas novas tecnoloxías como limitar o acceso a internet a un espazo común da casa, establecer normas e regras sobre o tempo de
acceso a Interner ou uso de videoxogos, incorporar no ordenador software de
control parental ou ensinarlle que tipo de fotos e materiais se poden subir ou
non.
*