lunes, 15 de abril de 2013

Ordes xa é un concello 'dixital'

Momento da presentación da sede electrónica do Concello de Ordes o pasado martes 9 de abril.

Manuel Regos: “O Concello ponse a disposición dos cidadáns coas súas portas abertas tódolos días do ano e sen horarios”

O pasado martes presentouse oficialmente a nova sede electrónica municipal do Concello de Ordes, https://sede.concellodeordes.es. Un acto que estivo presidido polo alcalde Manuel Regos, que estivo acompañado pola súa tenente alcalde, Silvia Marín ademais dos edis de Deporte e Cultura e Medio Ambiente, Ramón Vázquez e Luis Candal, respectivamente. 

No acto, que tivo lugar no salón de plenos municipal situado nos baixos da Alameda, Regos presentou a nova web facendo un percorrido pormenorizado polos distintos enlaces desta plataforma e explicando todos os trámites que dende ella se poden xestionar.

Administración electrónica
Así xa é posible que os cidadáns realicen de forma segura, rapida e sinxela, xestións a través de internet. Dase así un paso máis cara a unha administración electrónica propia deste tempo, apostando pola coñecida popularmente como ‘administración sen papel’. 

“Ponse a disposición dos cidadáns un Concello coas portas abertas tódolos días do ano e sen horarios”, tal e como expresou esta mañá Manuel Regos.

Os cidadáns, accedendo mediante o seu DNI ou certificado electrónico, poderán dispoñer dunha serie de servizos personalizados. Entre eles figuran a consulta do estado dun trámite ou de expedientes, obter o seu volante de empadroamento, ou ben realizar trámites telemáticos regulados ou presentar instancias e solicitudes.

*