martes, 23 de abril de 2013

O contrato da gardería municipal de Ordes, investigado na operación Pokémon


O portavoz do BNG, Gonzalo Castro propón que se algún concelleiro resultara imputado, "dimita de xeito inmediato" 

O BNG de Ordes informou esta tarde que a xuiza Pilar de Lara, titular do xulgado de instrucción nº 1 de Lugo, ven de requerir ao alcalde de Ordes o expediente de adxudicación da gardería municipal e as facturas remitidas ao Concello pola empresa concesionaria Sermasa.

Gonzalo Castro lembrou que “hai medio ano denunciamos prácticas éticamente cuestionábeis na garderia municipal, como a contratación da compañeira sentimental dun concelleiro do Goberno”.

"Manto de sospeita"
Castro salientou que “coa apertura desta investigación xudicial existe un manto de sospeita sobre a xestión do Goberno municipal, polo que o alcalde e os concelleiros do goberno deberían apoiar o acordo plenario que propoñemos, que supón o compromiso ético de asumir a súa responsabilidade política e dimitir no caso de que se produza algunha imputación xudicial”.

Castro salientou que “Ordes precisa dunha rexeneración ética e democrática, e os seus cargos públicos deben asumir este compromiso de forma clara e rotunda”.

Moción do BNG de Ordes

GONZALO-HENRIQUE CASTRO PRADO, Portavoz Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, ao abeiro do disposto no artigo 97 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades locais, presenta a seguinte MOCIÓN polo compromiso ético dos membros da Corporación Municipal.



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Segundo puido saber o BNG, a xestión do alcalde o e o goberno municipal de Ordes está a ser investigada dentro do marco da operación “Pokemon”, como o confirma o feito de que a xuiza Pilar de Lara, titular do xulgado de instrucción nº 1 de Lugo, acabe de requerir ao alcalde de Ordes o expediente de adxudicación da gardería municipal e as facturas remitidas ao Concello pola empresa concesionaria “Sermasa”.
Hai medio ano, desde o BNG, xa denunciamos prácticas éticamente cuestionábeis na garderia municipal, como a contratación da compañeira sentimental dun concelleiro do goberno.
Situacións como esta non contribuen a restaurar a confianza da cidadanía nas institucións, unha confianza que se atopa baixo mínimos cando asistimos a continuos escándalos con imputacións masivas por delictos relacionados con prácticas de corrupción, mentres vemos que só en contadas ocasións se asumen as responsabilidades políticas que todo cargo público debe ter coa ética no desempeño das actividades propias do seu cargo.
Non se trata de prexulgar ningún feito, non se trata de ir contra ninguén, debemos respectar o traballo da xustiza, sen xuizos paralelos, e poñendo por riba de calqueira outra consideración a presunción de inocencia, principio fundamental nun Estado de Dereito; mais o certo é que coa apertura desta investigación xudicial existe un manto de sospeita sobre a xestión do goberno municipal, polo que todos os membros da Corporación Municipal deberíamos despexar calquera dúbida apoiando un acordo plenario que supoña o compromiso ético de asumir a nosa responsabilidade política e dimitir no caso de que se produza algunha imputación xudicial relacionada con actividades propias do noso cargo.
Este compromiso ético ten ainda maior relevancia e necesidade, se temos en conta que existen informacións que indican que nos próximos meses se producirán máis actuacións xudiciais relacionadas coa xestión do alcalde e o goberno municipal. É indiscutíbel que Ordes precisa dunha rexeneración ética e democrática, e os seus cargos públicos deben asumir este compromiso de forma clara e rotunda.
Este compromiso coa ética, a transparencia e a honestidade, asumímolo desde o BNG, os concelleiros que hoxe abandonaremos a nosa condición de cargos públicos, pero tamén o asumen e se fai extensivo aos que nos sucederán nesta responsabilidade, agardamos que este compromiso poida ser adoptado por unanimidade pola Corporación Municipal, porque hai que enviar unha mensaxe clara aos veciños de que nada hai que esconder con respecto á xestión municipal de Ordes, que temos a conciencia tranquila e que asumimos o compromiso ético de dimitir se se produce unha imputación delictiva por actuacións relacionadas coa actividade propia do noso cargo. Os veciños precisan volver a confiar nas institucións, poñamos o noso grao de area para que así sexa.
ACORDO
Todos os membros do Pleno da Corporación Municipal asumen o compromiso ético de dimitir de xeito inmediato do seu cargo de concelleiro/a, se son imputados nun proceso penal por actividades relacionadas co exercicio do seu cargo.

Ordes, a 24 de abril de 2013.



*