Manuel Regos e Euloxio R. Ruibal, descobren a placa co nome do dramaturgo e cineasta ordense. |
Ruibal: "Que este novo vial se converta nun espazo de alegría e convivencia onde reine a alegría dunha bocarrúa a outra"
Dende onte, o dramaturgo e académico Euloxio Rodríguez Ruibal
xa ten unha rúa co seu nome na vila de Ordes. A última hora deste Día
Internacional do Libro o recoñecido escritor nacido na parroquia de Buscás
descubría a placa na que ata o de agora se coñecía como a 'rúa tras o campo da
feira', moi próxima ao colexio Campomaior.
Previamente
ao acto inaugural Euloxio Ruibal mantivo un contacto con xentes de todas as
idades na biblioteca municipal. Co gallo do Día Internacional do Libro
ofreceu unha sesión de contacontos na que os asistentes tiveron ocasión de
participar, poñéndolle voz a algunhas das perxonaxes que aparecen en distintos
títulos da súa obra.
No acto, o alcalde, Manuel Regos, agradeceulle tanto a súa labor literaria “como o ser un representante de Ordes que pasea con honra o nome destas terras alá a onde vai”.
Euloxio R. Ruibal xunto a súa nai e Manuel Regos, alcalde de Ordes. |
As frases de Euloxio R. Ruibal, escritor e académico
“Ter un libro significa ter o universo nas mans. O libro é un invento glorioso do ser humano capaz de medir a súa intelixencia e imaxinación”
"Que este novo vial se converta nun espazo de alegría e convivencia. Un lugar de paso, unión, relación e diálogo no que poidan brincar e desenvolverse nenos e grandes e onde reine a alegría dunha bocarrúa a outra”
*