O PSOE de Ordes denunciou o pasado venres que o repagamento dos
comedores escolares establecido pola Xunta de Galicia prexudicará especialmente
aos preto de catrocentos escolares ordenses que estudan tanto no Mesón do Vento
coma na Vila de Ordes.
O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, acusa ao
PP de “querer facer negocio cun servizo público, o que suporá un prexuízo
especial para as familias de Ordes, sobre todo aquelas afectadas tanto polo
desemprego como pola dramática situación do rural, onde a caída dos prezos dos
produtos é brutal e repercute moi desfavorablemente na economía das familias”.
Moción no pleno
Por iso, os socialistas ordenses presentarán unha
moción na sesión plenaria de abril para instar aos grupos municipais a rexeitar
o repagamento dos comedores escolares para o vindeiro curso por ser un novo
machadazo ás clases medias.
“Se a Consellería transfire 0,85 euros por rapaz e
o gasto polo xantar non chega aos dous euros, por que se lles van a cobrar ás
familias un mínimo de 3,5 euros? Parece que queren facer negocio cun servizo
básico para a cidadanía”, sinala Xesús Pedreira.
Os socialistas consideran que, ademais, esta é
unha medida especialmente regresiva en Galicia. “Se mantemos que o principal
reto de futuro que ten a nosa sociedade é o reto demográfico, non podemos
deixar pasar medidas que encarezan o custe de mantemento e educación dos
fillos.
Os nenos son o futuro de todos e debemos socializar os seus custes”,
apunta Pedreira Mirás, quen lembra que “os ingresos non deben vir de taxas
senón de impostos, ou do contrario poremos aínda máis trabas a aqueles que
están en idade de ter fillos para tomar a decisión de telos. Estas políticas
regresivas do PP soamente serven para afondar mais na grave situación que temos
na actualidade."
Xesús Pedreira Mirás. |
As frases de Xesús Pedreira, voceiro do PSdG-PSOE de Ordes
“En
lugar de incrementar o IRPF para as rendas máis altas ou crear un novo imposto
á banca, a Xunta de Galicia prefire subir as taxas polo uso dos comedores
escolares"
"Esta medida que suporá, por exemplo, que o ano que vén unha familia
ordense con dous fillas teña que pagar 198 euros este mes polo uso do comedor”