Ordes. Terras de Trastámara*
Hoxe
nace un libro inédito: Ordes. Terras de
Trastámara. Unhas tresecenta fotografías en trescentas follas que reflectan que somos moitisimo
máis que como tantos nos queren ver: unha tira de edificios atrapallados a
ambas beiras dun cacho ao norte da Nacional 550.
Nós
os ordenses posuímos unha terra privilexiada que agora amosamos ao mundo con
orgullo: Terras tras o Tambre –Trastámara− asentada en planas amesetadas, penechairas polas que discorren os afluentes do frío Cabrón, que
desauga no Lengüelle inmortalizado por Eduardo Pondal no seu milagre de Queixumes dos Pinos:
Rio Langüelle, rio Langüelle,
Ben se vé q’és da montaña;
Ou feo fillo das brétomas,
E das uces desleiradas.
Ordes u Órdenes, como se lle identificou durante tantos anos, podería ter a orixe do
seu nome no hidronímico -ord ou –urd, o que fai referencia á auga. Os ordenses, segundo o
investigador Edelmiro Bascuas, vemos sendo os ribeiregos dun río, do hoxe río Cabrón.
Coma os de Ordesa (Huesca), do lago Urdiceto, de
Ordizia, en Guipúscoa, á beira do río Oria. O Ordunte (Burgos), Urdanta (A Rioxa), Orduña (Burgos) e Ordino (Andorra). Tamén en Laracha existiu unha villa
Ordini documentada no ano 990, e en Guitiriz (Lugo), un monte coñecido como Ordinum.
Posuímos unha terra pisada por milleiros de peregrinos chegados do norte de
Europa dende fai séculos no seu encontro co Apóstolo. Terras habitadas xa dende
4 000 anos antes de Cristo.
Zona oceánica, chuviosa e
húmida, plantamos cara ao Atlántico e os seus frontes cargados de auga. O
normal é que chova máis de dez días ao mes, e quince nos meses de inverno.
De Ordes deixou constancia por escrito Ramón Otero
Pedrayo, Alejandro Pérez Lugín, José María Castroviejo e frai Martí Sarmiento.
Durante a Idade Media
pertenceron estas terras ao poderoso condado dos Trastámara, donos das terras
intimamente vinculadas á estirpe real de Castela.
Xa en época moderna sería
Poulo a poboación que centraría o protagonismo da zona. Por esta hoxe parroquia
ordense discorría o chamado Antigo Camiño
Real, construído en 1761 sobre a vía romana que unía Braga con Astorga pola
costa pasando por Brigantium –Betanzos− e Lucus Augusta –Lugo−, as tres capitais conventuais da Gallaecia.
Logo do fin do Imperio, a vía
pasou a ser administrada polo pobo como camiño carreteiro ata que a tradición
xacobina recuperouna como vía de acceso até Compostela.
Na Casa dos Maldonado, no
lugar de Calle, pasou unha noite o príncipe Filipe, despois rei Filipe ii, o 25 de xuño de 1554, antes de
embarcar na Coruña con direción a Inglaterra para casar con María Tudor. A un
lateral da porta, na xamba esquerda, unha inscrición onde se lee:
En esta casa poso el rei D. Fhelipe
ii a 25 de ivnio de 1554.
Arriba no dintel aparece un
escudo tallado que serviría de modelo para o actual escudo municipal: un
castelo con torre e tres flores de lis.
Outro ilustre peregrino do
Camiño inglés sería o gran duque Cosme III de Médicis, quen tamén fixo noite en
Poulo o 6 de marzo de 1669. En xuño de 1755 sería frei Martín Sarmiento quen
habería de describir puntillosamente a zona no seu libro de viaxes:
Caga boi na fonte feligresía de Santa María de Órdenes. Ponte Pereira, Poulo, cuatro leguas de Santiago. Mediodía.
Ponte das Táboas. Buscás. Cabeza de Lobo, una legua horrorosa desde Poulo. Aquí dejé a la izquierda el camino real
de La Coruña, al principio de la Cuesta de Rabo de Egoa, y tomé a la derecha el
camino de Betanzos y de Zarandones.
Ata abril de 1834 non pasaría
Santa María de Órdenes a ser capital do seu partido xudicial, e un par de anos
máis tarde, o 6 de xuño de 1836, nacía o moderno municipio de Ordes. Poucos
anos antes, na sobremesa da cea do 22 de setembro de 1815 era detido no caserón
do Mesón de Deus, tamén chamado de Viqueira, en Merelle, o xeneral Juan
Díaz Porlier levantado contra o rei Fernando VII. De alí foi levado á Coruña,
onde morrería aforcado na hoxe praza de España, antes praza da Forca, da
capital herculina.
Así, a vila de Ordes medraría
en torno ao núcleo central parroquial e aos pés da rúa Real, que era pouco máis
que un regato de adoquís que desembocaba, uns trescentos metros máis arriba, na
carretera de La Coruña.
Unha monumental cacicada, froito
da viciada e subdesenvolvida política da época, mudou en 1923 o nome orixinal
do Novo Camiño Real, logo Rúa Real, polo que actualmente soporta: Avenida de
Alfonso Senra. Sinistro político de nula vinculación coa nosa terra,
beneficiado polos Trampetas –caciques- que chamaba Pardo Bazán, da nosa comarca.
Ao final da Guerra Civil, entre 1939 e 1941, o
Plan Xeral de Obras Públicas do ministro Alfonso Peña posibilitou a construción
da estrada nacional 550. Arranca dende a hoxe avenida do alcalde Alfonso Molina
até a mesma fronteira de Tui con Portugal, atravesando en canal a nosa vila. A
vella rúa Real convertíase así en parte do seu trazado.
Á N-550 chamárona ‘a cidade
galega que non figura nos mapas’, e Ordes en boa medida contribuíu a esta fama
compartida con outras localidades irmás do seu trazado, tales como Carral, O
Milladoiro ou Caldas de Reis. Non resulta disparatado dicir que a ambas marxes
dos 180 quilómetros da N-550, agloméranse maís de 600 000 persoas.
Pero sería a partires dos anos
50, coa proliferación do tráfico rodado, cando a vila de Ordes despega,
gañándose a súa fama como principal apeadeiro na viaxe entre as dúas cidades provinciais. Un traxecto dunhas dúas horas
de duración que convidaba a moitos a facer pausa a, máis ou menos, metade de
camiño; esa sorte tocoulle a Ordes. O Nogallás, El Túnel, o Vasco, Chocolatería
Francisco Vilar ou os xa desaparecidos bares Liñares, Juanito ou Moar, deron boa
conta durante longas décadas do filón que supoñía a estrada.
Os populares queiques, receita xenuinamente ordense, foron creados nos años 60 á mesma beira
da N-550 por Lolita Iglesias logo das modificacións persoais que faría á receita
do pan doce porteño que un tío seu emigrado na Arxentina lle ensinara.
Logo está o agro e a nosa
comarca de Ordes: unha mesma cousa. Nun xantar no Nogallás de Josefa e Manolito
entre o presidente Fernández Albor e o xornalista veciño de Mesía Augusto Assía,
debatiuse o nome do primeiro conselleiro de Agricultura do Goberno autonómico:
Jaime Rey de Roa.
Non era nada raro ver a aquel
veterano xornalista internacional que tivo trato persoal con Adolf Hitler,
Charles de Gaulle e Dwight Eisenhower, falamos de Assía-Felipe Fernández-Armesto
e da súa dona, María Victoria Fernández-España, Totora, a primeira
muller vicepresidenta do Congreso dos Deputados. Non era extraño, dicía, velos
comendo nunha das campechanas mesas do bar Juanito, falando co seu patrón e a
súa dona, Carmiña, de caza, vacas, vacunas e pensos.
O peculiar feísmo galego da segunda metade do século xx
deixouse notar moito en Ordes. Como á metade do pobo, onde hoxe está o entorno
do bar Orellas, existía unha igrexa románica, dedicada ao culto á virxe de
Lurdes, e un cemiterio que o bárbaro urbanismo demoleu en 1974. Ben sabedes quenes foron os resposables deste disparate.
De interese arquitectónico
resultan as igrexas románicas de San Xiao de Poulo en Outeiro de Arriba, e de
San Paio de Buscás. A primeira, de planta única e bóveda rectangular, está aos
pés do antigo Camiño Real a Compostela. Chégase a ela a través dunha bucólica
ruta de sendeirismo duns nove quilómetros, de grande interese paisaxístico. En
outono e con frío, resulta delicioso.
Xa logo chegaría a movida de
Ordes dos anos 90, cuxa orixe pode deberse a un cóctel del baby boom de finais dos 60 e primeira metade dos 70 en España; a elevada taxa de
natalidade rexistrada en Ordes durante os años 1975 e 1976, bastante por riba
da media galega; o crecemento económico dos primeiros anos 90 unido ao retorno
de numerosos grupos familiares orixinarios de Ordes e emigrados a Arxentina,
Brasil, México e Venezuela nos años 40 e 50, e a Alemaña, Países Baixos,
Francia e Suíza, nos 60 e 70; e dende logo, a estratéxica ubicación da vila de
Ordes, punto central dunha gota de diamante formada polas poboacións de
Carballo, A Coruña, Betanzos e Santiago de Compostela.
Todo isto converteu a zona e á
súa comarca nun núcleo vivo de louzanía. A recente entrada de España na Unión
Europea e o éxito das reformas democráticas catapultaron a toda unha xeración
de xoves hacia o entusiasmo. O éxito internacional de España no ano 1992 fixo
que a Galicia se entregara no Xacobeo 93. Ordes viviría a súa explosión como
principal centro de ocio nocturno provincial. O Campo da Feira contaba cunha novidosa
discoteca, Elepé
45, posible tras
a reforma dunha antiga sala de festas chamada Órdenes
2000.
Dende os primeiros cacharros, como aqui
lle chaman, do Orellas, Carpe Diem,
Arcos, Kronos, O’Priorato, a piscina do Muíño, Doniña ou Bambú,
a movida continuaba no Bruxas para seguir polo Papaluz, Desórdenes, Tahití,
Manisero, e rematar a velada bailando en Elepé 45 o «Y digo Deportivo vamos a ganar
esta partido…» acompañados
das imaxes dos goles do ‘super-Dépor’ de Bebeto en pantalla xigante…
Todo isto e moito máis é Ordes. Cidade do mundo, aberta,
acolledora co forasteiro, moi independente. Somos tamén os ordenses protestones
e cabezotas. Gústanos a vida tranquila, a cercanía con Santiago e A Coruña que
nos permite escoller entre unha segunda patria, e por riba de todo, somos moi
ben dados a saír para fóra. Ordenses dos tres mundos: Galicia, América e Morte.
Non houbo no mundo centro de recepción de emigrantes que non fora desembarcado
por un ordense.
Agora nace este libro dedicado a todos nós, os ordenses. Aos ordenses de Ordes, aos ordenses de Santiago, da
Coruña, de Vigo, de Francia, de Suíza, de Holanda, da Alemaña, dos Estados
Unidos, de México, de Venezuela, do Brasil, do Uruguai, da Arxentina. Tamén aos
ordenses de Cuba, onde moitos, chegados analfabetos e voltos analfabetos,
trouxeron as máns negras, calosas e laceradas de traballar, agarrando fortuna.
Despídome xa agradecendo de novo a vosa presenza, nunha
xornada ademais moi especial, dedicada á Mancomunidade de Municipios da Comarca
de Ordes, esas outras terras que tamén comparten esa dignidade de pertencer ao
Tras-Tamaris.
Quero despedirme ademais insistindo na necesidade de
reforzar a nosa autoestima e o noso orgullo pola nosa terra, propoñendo ademais
de que no caso de que a fusión de concellos prospere e o actual concello de
Ordes poida integrarse con outros municipios veciños, ese novo gran concello
que nacerá, leve por nome o que históricamente nos corresponde: o de concello
de Trastámara.
Moitas
grazas, veciños e veciñas de Trastámara.
Ordes, 26 de abril do 2013.
* Transcripción do texto leído por Renato A. Landeira na presentación de Ordes. Terras de Trastámara.
*