Pedreira preguntará ao
Concello por que os propietarios de contadores de auga se lles está facturando
un canon de mantemento por parte da concesionaria
O PSOE de Ordes reiterará no pleno de hoxe xoves a
súa petición de arranxo da pista que vai da Castiñeira a Ponte de Pereira,
petición realizada dende a Agrupación Socialista hai xa máis dun ano e sen que
o Concello tivera feito nada.
“Nestes momentos a pista esta intransitable
debido a auga e os tractores que se utilizaron para quitar madeira na zona da
Castiñeira”, explica o voceiro socialista Xesús Pedreira, quen esixe que se
arranxe esta pista “porque é un vial moi utilizado polos veciños da zona”.
Así mesmo, os socialistas preguntaranlle mañá ao
alcalde polo destino do marcador electrónico do campo de herba artificial do
complexo deportivo de Vista Alegre construído pola Deputación da Coruña baixo o
mandato do socialista Salvador Fernández Moreda.
“Desmontouse hai tempo e non
se volveu a saber del. Non se sabe se está avariado, se se vai repoñer...”,
apunta Pedreira Mirás. Ademais, o voceiro socialista esixirá un informe por
escrito sobre “por que aos propietarios dos contadores de auga de Ordes se lle
está facturando por parte da concesionaria do servizo de abastecemento de auga
potable un canon de mantemento, cando este é de propiedade privada”.
Comedores escolares
Por outra banda, os socialistas denunciarán no
pleno que o repagamento dos comedores escolares establecido pola Xunta de
Galicia prexudicará especialmente aos preto de catrocentos escolares ordenses
que estudan tanto no Mesón do Vento coma na Vila de Ordes.
O voceiro municipal
socialista acusa ao PP de “querer facer negocio cun servizo público, o que
suporá un prexuízo especial para as familias de Ordes, sobre todo aquelas
afectadas tanto polo desemprego como pola dramática situación do rural, onde a
caída dos prezos dos produtos é brutal e repercute moi desfavorablemente na
economía das familias”.
Por iso, os socialistas instarán aos grupos
municipais a rexeitar o repagamento dos comedores escolares para o vindeiro
curso por ser un novo machadazo ás clases medias. “Se a Consellería transfire
0,85 euros por rapaz e o gasto polo xantar non chega aos dous euros, por que se
lles van a cobrar ás familias un mínimo de 3,5 euros?
Parece que queren facer
negocio cun servizo básico para a cidadanía”, sinala Xesús Pedreira. Esta
medida suporá, por exemplo, que o ano que vén unha familia ordense con dous
fillas teña que pagar 198 euros este mes polo uso do comedor. Ademais, os
socialistas ordenses pregúntanse pola solución se lles vai ofrecer a aqueles
rapaces cuxas familias non poidan asumir esta nova taxa e opten por levar o
xantar dende a casa.
Preferentes e pobreza
Por outra banda, os socialistas ordenses tamén
presentarán unha moción a prol de que todos os aforradores afectados polas
preferentes, subordinadas e outros híbridos financeiros recuperan a totalidade
dos cartos.
Por iso, os socialistas pedirán o apoio do pleno municipal para
instar á Xunta a que dote dos medios humanos e materiais necesarios o sistema
de arbitraxe establecido no Instituto Galego de Consumo para axilizar os
procedementos; que faga públicos os criterios de inclusión e exclusión na
arbitraxe para transparentar a súa concesión; que preste asesoramento xurídico
a todas aquelas persoas que así o requiran e que posúan participacións
preferentes e obrigas subordinadas para poder demandar xudicialmente ás
entidades financeiras; e soliciten da Comisión Europea da Competencia e do
Goberno de España que retiren a esixencia de quitas para as persoas afectadas
por esta comercialización indebida.
Finalmente, os socialistas pedirán que o Concello
de Ordes manifeste ou seu total acordo da creación dun Fondo de Emerxencia
contra a Pobreza, por un importe de 1.000 millóns de euros, que suporía a
creación ou mantemento de 30.000 empregos e beneficiaría a máis de 500.000
familias.
*