Os socialistas advirten dos riscos para a
seguridade viaria da mala sinalización dos pasos de peóns
O PSOE de Ordes pide a reposición da sinalización
horizontal na vila de Ordes, especialmente dos sinais de paso de peóns que
nalgúns puntos de Ordes apenas son visibles para os condutores. O concelleiro
socialista Xesús Pedreira advirte dos “riscos para a seguridade viaria dos
veciños da mala sinalización dos pasos de peóns nas distintas rúas da vila de
Ordes, o que supón un problema tanto para os condutores como, especialmente,
para os peóns”.
Por iso, os socialistas pedirán na vindeira sesión
plenaria do 25 de abril que o pleno inste tanto ao Concello como á Deputación,
á Xunta de Galicia e á Administración Central a proceder á reposición da
sinalización horizontal naquelas vías da Vila de Ordes que sexan da súa
titularidade.
Parroquias
“Habería que actuar sobre outras máis nas parroquias, pero as
máis estropeadas e sobre as que urxe unha actuación son as da Vila de Ordes”,
apunta Pedreira Mirás, quen lembra que “agora que chega o bo tempo poderían
facerse sen ningún atranco”.
A maiores, os socialistas pedirán tamén que o
Pleno Municipal inste ao Concello de Ordes a incrementar a vixilancia sobre os
estacionamentos sobre liña amarela, como acontece a diario na rúa Alfonso
Senra.
“Estes vehículos provocan molestias e retencións no resto de condutores
e nalgúns puntos mesmo restan visibilidade aos condutores, pudendo ser causa de
accidentes”, explica Xesús Pedreira. Por iso, os socialistas pedirán que se
inste á Policía Local a incrementar a vixilancia sobre a zona ou se adopte
outra solución que evite este tipo de estacionamentos ilegais.
*