miércoles, 31 de octubre de 2012

Ordes homenaxeará mañá ao soldado Lois


Será ás 12:00 horas no cemiterio municipal do Piñeiro

Mañá xoves 1 de novembro, día de Todos os Santos, o Concello de Ordes celebrará a tradicional misa e ofrenda floral ante a tumba de Manuel Lois García, coñecido como ‘Soldado Lois’. O acto terá lugar ás 12:00 horas no cemiterio municipal do Piñeiro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.  En caso contrario a celebración litúrxica trasladarase á igrexa parroquial de Santa María

Este ano o Concello conta coa colaboración da Infantería de Mariña do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol. Tamén se contará coa asistencia de representantes doutros corpos como son a Garda Civil de Ordes, a Comandancia da Garda Civil da Compañía de Santiago de Compostela, a Policía Local de Ordes, ademais do equipo de Goberno local e outros membros da corporación. Arredor das 13:00 horas está previsto que a banda de música da Infantería de Mariña do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol interprete varias pezas en honor ó Soldado Lois e para desfrute de todos os veciños e veciñas que queiran participar deste acto.

Quen é o Soldado Lois?
Nado en Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería de Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do cañón 4.

Será a comenzos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas arxelinas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartagena e Alicante, composta por catro vapores, dous cruceiros e sete destructores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminantes, esbourando un deles. 

Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navio Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir dita caixa, sendo Lois o primeiro en asumir o requerimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados fan que caia ó chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil o cal rodou pola cuberta ata caer ó mar, pasando así o perigo”.

Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermaría do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Animo a todos os veciños e veciñas a participar nestes actos cos que queremos rendir unha merecida homenaxe a este home que entregou a súa vida para salvar a dos seus compañeiros e que supón un orgullo para todos nós”

*