miércoles, 24 de octubre de 2012

A Mancomunidade pon en marcha unha oficina de fomento de cooperativismo


A nosa comarca conta con 35 cooperativas, a maioría do sector agrogandeiro

Manuel Regos: "As cooperativas aguantan moi ben en tempos de crise"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes xa conta cunha Oficina de Fomento do Cooperativismo, un novo servizo para a creación de emprego cooperativista e fomento da economía social na comarca ordense. Unha oficina na que se realizarán actividades de formación, información, promoción e sensibilización á sociedade para divulgar os valores cooperativos, dando apoio a emprendedores e promotores cooperativistas e facendo especial fincapé en mozos, mulleres e desempregados.

Para recibir a información poden dirixirse ó Técnico de Prevención da Mancomunidade, Manuel Pena Rodríguez, que estará a disposición de todos os que se acheguen ata a Oficina de Fomento Cooperativo e que ofrecerá a axuda e o soporte técnico. Así mesmo, tamén asesorará sobre os trámites constitutivos de novas cooperativas e fará un acompañamento a proxectos de nova creación.

Cooperativismo en Ordes
A comarca de Ordes conta na actualidade cun total de 35 cooperativas postas en marcha, a maioría do sector agrogandeiro. Os municipios con maior presenza destas fórmula empresarial son Frades (oito) e Ordes (sete), seguidos por Tordoia e Trazo, ambos con cinco cooperativas. Cerceda e Mesía contan con catro cooperativas cada unha, mentres que Oroso dispón de tres entidades.

A Oficina de Fomento do Cooperativismo da comarca de Ordes está subvencionada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, a través da Consellería de Traballo e Benestar, e forma parte da Rede Eusumo. Emprazada nos locais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes na rúa Xoxardo, o seu horario de atención ao público é de 08:00 a 15:00 horas, de luns a venres.

Manuel Regos Boquete.
As frases de Manuel Regos Boquete, presidente da Mancomunidade de Ordes
“O obxectivo principal é que se poidan poñer en marcha novos proxectos, ademais de asesorar sobre os trámites constitutivos e dar información ás cooperativas xa en marcha”

“As cooperativas son unha forma de asociacionismo que aguanta moi ben en tempos de crise e que, ao contrario do que moitos pensan, non só se pode aplicar ao mundo agrario e gandeiro, senón que hai moitas modalidades e moitas liñas de axuda moi interesantes”

*