A Xunta de Galicia renova o convenio que permitirá continuar cunha asistencia social en 51 idiomas
A Mancomunidade de
Municipios de Ordes e a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia veñen
de activar a adenda ao convenio de colaboración asinado hai un ano para a
asistencia social integral a mulleres inmigrantes a través dun servizo de
teletradución. Un sistema que permite atender á usuaria do Centro de
Información á Muller de Ordes en ata 51 idiomas.
A teletradución está
pensada para dar apoio ás mulleres inmigrantes que teñen dificultades engadidas
para acceder aos recursos existentes no CIM pola barreira idiomática, polo que
pretende facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta
determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.
A través da
plataforma de teletradución, estas mulleres teñen a seguridade dun acceso
axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención sicolóxica,
prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.
Intérprete
O sistema permite ás
usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no
que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade
adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a
usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.
Segundo datos do INE
correspondentes ao ano 2011, na comarca de Ordes residen un total de 1016
extranxeiros, dos que 503 son mulleres e potenciais beneficiarias deste servizo
de teletradución. Unha poboación que se concentra especialmente en Ordes, con
máis do 54% do total: 553 estraxeiros, 285 deles mulleres; e Oroso, con 343
extranxeiros, 152 deles mulleres.
*