viernes, 5 de octubre de 2012

O BNG denuncia queixas dos usuarios da piscina climatizada


Gonzalo Castro avanza que solicitará a documentación relativa á suposta contratación como coordenadora da piscina climatizada dunha concelleira do Goberno municipal
 
O BNG de Ordes ven de informar de que solicitará a documentación relativa á suposta contratación como coordinadora da piscina climatizada dunha concelleira do Goberno de UxO, xa que a xuízo dos nacionalistas, "se podería tratar dunha situación ilegal, ao ser incompatíbel co cargo de concelleira ter unha relación contractual co Concello, o que constituiría, e caso de confirmarse, un escándalo máis na actuación do alcalde".

Tamén o BNG denuncia que dende o 1 de outubro, data na que o Concello asumiu a xestión directa da piscina, xa se teñen solicitado follas de reclamacións por parte dos usuarios "pola merma de calidade na prestación dos servizos nesta instalación".

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, afirmou que “o alcalde está a incumprir o compromiso de manter a calidade do servizo e os postos de traballo, xa que está a retrasar deliberadamente a sinatura dos contratos cos actuais traballadores da piscina climatizada, que se atopan nunha situación de incertidume e cos seus dereitos vulnerados, ao non querer recoñecerlles a súa antigüidade laboral”.

Queixas dos usuarios 
Gonzalo Castro tamén afirmou que  “tal e como temíamos,  só catro días despois de que o Concello se fixese cargo da xestión directa da piscina climatizada, comezaron a producirse os primeiros problemas na súa xestión, e as primeiras queixas dos usuarios, que xa teñen solicitado follas de reclamación, diante dos cambios sen aviso dos horarios das actividades e debido á ausencia dunha monitora especializada e cualificada para unha das actividades que se viña prestando na piscina”.

Castro lembrou tamén que “no Pleno celebrado hai unha semana o goberno municipal rexeitou unha moción do BNG para garantir o mantemento das actividades e dos postos de traballo na piscina, e agora comprobamos as razóns, xa que o alcalde non ten intención de manter o funcionamento destas instalacións nas actuais condicións, como o demostrou o feito de que tivese reducido o horario de apertura da piscina”.

O portavoz do BNG salientou que “o alcalde actuou unha vez máis cunha absoluta improvisación na xestión da piscina e o ximnasio, ao rescindir a relación contractual coa empresa, que a partir do 1 de outubro cesou na prestación de actividades aos usuarios, sen que existise previsión algunha por parte do Goberno para manter o normal funcionamento destas instalacións e das súas actividades”.

O portavoz nacionalista afirmou que “a piscina leva anos sen estabilidade na súa xestión debido á incapacidade do alcalde que non foi quen de sacar adiante a xestión directa por parte do Concello, e nin tan sequera unha concesión do servizo estábel e en condicións óptimas”.

Gonzalo Castro (BNG).
Situación dunha concelleira
Gonzalo Castro anunciou que “solicitaremos a documentación relativa á contratación como coordenadora da piscina climatizada dunha concelleira do Goberno de UxO, xa que se podería tratar dunha situación ilegal, ao ser incompatíbel co cargo de concelleira ter unha relación contractual co Concello, o que constituiría, e caso de confirmarse, un escándalo máis na actuación do alcalde”.

*