martes, 23 de octubre de 2012

A Mancomunidade de Ordes, premiada pola Xunta de Galicia

Recibe unha mención especial nos Premios Coopera Galicia 2012 por un proxecto contra a violencia de xénero

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de recibir unha das tres mencións especiais nos Premios Coopera Galicia Entidades Locais 2012, convocados pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. Unha mención recibida polo proxecto 'Creación e consolidación de estruturas de coordinación e instrumentos de apoio a través do Centro de Información á Muller'.

O obxectivo deste proxecto do Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes é crear un protocolo de actuación contra a violencia de xénero a nivel comarcal. Un sistema de intervención integral contra a violencia de xénero na comarca de Ordes que implique non só ás forzas de seguridade e aos servizos sociais de cada un dos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), senón tamén a outras entidades como os centros educativos, os centros de saúde, os xulgados...

Asociacionismo municipal
Os premios Coopera Galicia Entidades Locais distinguen anualmente as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas de Galicia. 

*