Os socialistas reclamarán a Mariano Rajoy a creación dun fondo estatal de emerxencia
Os socialistas de Ordes solicitarán mañá xoves ao
pleno municipal que inste ao Ministerio de Fomento a que ceda o inmoble que
posúe no lugar do Canedo, parroquia de Ardemil, ao Concello de Ordes coa
finalidade de que poda ser habilitado como local social. A petición socialista fai referencia a un inmoble
situado na N-550 no lugar do Canedo e que era utilizado antigamente como sede
dos peóns camineros.
O concelleiro socialista Xesús Pedreira sinala que este inmoble “podería cumprir unha función social moi interesante para os máis de cincuenta veciños do Canedo e tamén para os de Adina, que non terían que desprazarse ata o Mesón do Vento”.
Segregación por sexos e pobreza
Así mesmo, os socialistas solicitarán o apoio do
pleno á petición de que a Xunta retire as axudas destinadas a centros
concertados que segregan por sexos e destine eses cartos ás partidas para
bolsas estudantís. Os socialistas lembran que eses centros están incumprindo
tanto a LOE como a Lei de Igualdade e recordan que a recente sentenza do 24 de
xullo do Tribunal Supremo descarta que a educación diferenciada poida acollerse
ao sistema de ensinanza
dos centros concertados sostidos con fondos públicos.
Finalmente,
o grupo municipal socialista solicitará ao pleno que inste ao Goberno da Nación
a crear un Fondo Estatal de Emerxencia para as familias en situación de pobreza
e exclusión social, cunha dotación de 1.000 millóns de euros para 2013. Este
fondo permitiría dotar aos Concellos de cartos tanto para o financiamento dos
gastos correntes da prestación de servizos educativos, de atención a
discapacitados e dependentes, prestacións de servizos sociais, apoio á infancia
e melloras na empregabilidade dos grupos máis afectados pola crise.
Ademais,
pedirá destinar a actividades de interese social o 1% da cota íntegra do
Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) de 2013 daqueles contribuíntes
que así manifesten expresamente a súa vontade.
*