martes, 22 de octubre de 2013

Ordes acollerá este xoves as xornadas sobre empresas de inserción laboral


Participará o alcalde de Ordes, Manuel Regos, e abordarán cuestións sobre a contratación persoal en situación ou risco de exclusión social 

Ordes acollerá o vindeiro xoves 24 de outubro as Xornadas Galegas sobre Empresas de Inserción Laboral (EIL). Unha cita que se desenvolverá de 10:00 a 14:00 horas nos baixos da Alameda. 

Os interesados poderán participar de balde facilitando os seus datos no Departamento de Emprego do Concello de Ordes, ou ben chamando ao 981 680 002.

 Entre os puntos e temáticas que se abordarán nos distintos encontros e ponencias figuran as empresas de inserción e as axudas á contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social

Tamén se analizará a situación social das EIL, para o que se ofrecerán exemplos reais de empresas como Compostela Inserta, Cormo Integral, Properdis, Sercoga ou Emprende Futuro.

Participantes
Na xornada contarase tamén coa participación de Manuel Regos, alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes; Miguel Fernández Blanco, presidente da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia; Jorge Barros, subdirector xeral de fomento da contratación e do traballo autónomo, así como coa dos representantes de todas as empresas asistentes.

As Xornadas Galegas sobre Empresas de Inserción Laboral están financiadas polo Fondo Social Europeo, Consellería de Traballo e Benestar, II Plan Galego de Inclusión Social, contando coa colaboración do Concello de Ordes.  

*