sábado, 19 de octubre de 2013

A Plataforma de Pensionistas Retornados de Ordes levántase contra as sancións de Cristóbal Montoro


De esq. a der., Xesús Pedreira, voceiro socialista de Ordes; Paula Fernández, senadora; e Antonio Morán, secretario de políticas sociais do PSOE de Ordes.

Varios veciños denuncian que con 427 euros de pensión vense obrigados a pagar multas de case 3.000 euros

Santiago Turiel e Antonio Becerra representan aos pensionistas retornados do noso municipio 

O salón de plenos do Concello de Ordes acolleu onte a preto dun centenar de pensionistas retornados de Ordes que participaron na charla informativa sobre os impostos e as sancións que a Axencia Tributaria está a impoñer sobre as pensións do estranxeiro, organizada pola Agrupación Socialista de Ordes. 

Unha xuntanza na que os presentes acordaron participar na Plataforma de Afectados que se constituirá formalmente o próximo luns 21 de outubro en Sigüeiro e na que escolleron aos veciños Santiago Turiel Cid e Antonio Becerra Lamas, como os representantes dos afectados do municipio de Ordes na plataforma.

"Delicuentes"
A senadora socialista Paula Fernández Pena explicoulles aos presentes que “vós marchastes para cumprir coa vosa xente e despois de toda unha vida de traballo agora vos din que sodes uns delincuentes. É duro, porque vos tratan peor que aos delincuentes. 

O ano pasado houbo unha amnistía fiscal para personaxes como Bárcenas, traficantes, os da Gürtel... por que non vos deron a vós a mesma opción? Pois porque non tendes asesores fiscais e están facendo caixa con vós”. 

Podes ver a intervención da senadora Paula Fernández no Senado de España o pasado 24 de setembro sobre este asunto, e a resposta do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro:


Solucións
Durante algo máis de hora e media, Paula Fernández respondeu ás preguntas e dúbidas dos presentes. Así, explicoulles que “hai dous camiños para solucionar este problema e teñen que ir á par. Por unha parte, o camiño político

Iso correspóndenos a nós e faremos todo o posible no Parlamento Galego, no Parlamento Nacional e no Senado para que o Ministerio de Facenda busque solucións comúns

Pero máis importante aínda é o camiño social. Se quedades na casa e non levantades a voz no ides facer nada. Tendes que constituírvos en plataformas sociais e saír a defender os vosos dereitos”.

“Unidos, as reclamacións serán máis baratas”, explicou o secretario xeral dos socialistas de Ordes, Xesús Pedreira, quen engadiu que “a unión fai a forza e, se estades xuntos, conseguiredes cando menos a devolución do importe das sancións e dos intereses de demora”. 

Problema dende 2008
A senadora socialista tamén lamentou que “o PP vote unha cousa en Santiago e outra diferente en Madrid”, xa que a moción que presentou no Senado “é idéntica á aprobada por todos os grupos do Parlamento Galego e en moitos Concellos de Galicia, pero foi votado en contra polo Partido Popular. Incluída a ducia de senadores galegos do PP”.

Durante a xornada, varios pensionistas retornados explicaron os seus casos. Veciños que con 427 euros de pensión vense obrigados a pagar multas de case 3.000 euros, ao que hai que sumar as cantidades correspondentes aos exercicios entre 2008 e 2012

Neste sentido, Paula Fernández puxo o exemplo dunha veciña de Lalín que cobra 12.000 euros anuais e á que lle reclaman 15.000 euros.

*