viernes, 4 de octubre de 2013

O PSOE de Ordes denuncia os atrasos do Ministerio no remate da Variante de Ordes

Planos do proxecto da Variante de Ordes.

Xesús Pedreira: "Dende decembro de 2010 non se ten feito absolutamente nada"

O Partido Socialista de Ordes criticou hoxe que o Goberno do Estado volva a retrasar un ano máis a Variante de Ordes, un proxecto no que non se ten avanzado absolutamente nada dende decembro de 2010. 

Así, os socialistas de Ordes veñen de dirixirse ao PSOE para que presente unha enmenda ao proxecto de Orzamentos do Estado para 2014 a fin de que contemple unha partida significativa que supoña o inicio real da Variante de Ordes, máxime cando se estimaba que estaría construída e en servizo en 2014. 

O proxecto da Variante de Ordes leva paralizada dende decembro de 2010, momento no que se aprobou o seu estudo informativo, aseguran os socialistas. Un estudo que fora sometido a exposición pública despois de que o Ministerio de Fomento aceptase a proposta mellor valorada polo Concello de Ordes entre as tres plantexadas. 

Unha alternativa que suporía a construción dun tramo de 12,2 quilómetros, con orixe e final na N-550, e un investimento duns 78 millóns de euros

Ese vial tería dúas calzadas de dous carrís de 3,5 metros, con arcéns exteriores de 2,5 metros, mediada de 9 metros e arcéns inferiores de 1 metro. Para a súa construción sería preciso acometer 9 pasos inferiores e 12 superiores, incluídos varios enlaces cos viais máis significativos da zona.

Museo do Traxe
Por outra banda, os socialistas tamén solicitarán a inclusión dunha partida nova nos Orzamentos do Estado por un importe de 60.000 euros para o Museo do Traxe Juanjo Liñares.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Dende que se anunciou a aprobación do estudo informativo da Variante de Ordes en decembro de 2010 non se ten feito absolutamente nada para executar un proxecto que facilitaría o crecemento do noso municipio”

“Unha vez máis, o Goberno Rajoy xoga coas cifras e inclúe 100.000 euros para a variante nos Orzamentos de 2014, cando nin sequera foron quen de executar os ridículos 5.000 euros orzamentados en 2013”

"A inclusión da Variante de Ordes no proxecto de Orzamentos para 2014 é unha operación de cosmética, de maquillar as cifras porque con eses cartos non se pode facer nada”


*