Pedreira: “O importe dos incumprimentos da Xunta con Ordes ascende a máis de 4,63 millóns de euros, despois de que nestes últimos catro anos, o PP non fixo practicamente nada polos veciños e veciñas de Ordes”
“Unha nova agresión a Ordes por
parte da Xunta, que por cuarto ano consecutivo deixa a Ordes sen ningún tipo de
investimentos nos seus Orzamentos”.
Deste xeito define o secretario xeral dos
socialistas ordenses, Xesús Pedreira, o proxecto de Orzamentos da Xunta de
Galicia para 2014 que, por cuarto ano consecutivo, non contempla nin unha soa
partida de investimento en Ordes.
Diante desta situación, a
Agrupación Socialista de Ordes trasladará ao grupo socialista no Parlamento de
Galicia unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta de 2014, para que
contemplen os investimentos necesarios para Ordes.
Relación de investimentos
Orzamentariamente falando, a
petición máis significativa correspóndese cos 2,8 millóns de euros da mellora e
ampliación da estrada de Mercurín, que une o polígono de Merelle (Ordes) coa
localidade de Cerceda.
Unhas obras comprometidas dende o ano 2008 ao abeiro do
Plan Miner, cun proxecto elaborado pola Xunta en 2010 (por un importe de
150.000 euros), pero cuxo convenio aínda non foi asinado por falta de vontade
política tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Industria, Turismo y
Comercio.
Sen embargo, Xesús Pedreira fai
especial fincapé nos 1,3 millóns de euros precisos en materia de abastecemento
e saneamento para o rural ordense: 160.000 euros para rematar os traballos de
abastecemento en Reboredo-A Gorita; e 135.000 euros para rematar o saneamento
en A Brea, no límite do Concello de Ordes con Cerceda, onde se dá o paradoxo de
que existe unha instalación pero non pode ser utilizada pola veciñanza porque
non están rematadas as obras.
As emendas socialistas tamén recollerán outros
239.000 euros para melloras na calidade da auga no Mesón do Vento e outros
170.000 euros para melloras na rede Poulo-Lavandeira e Vilariño-Buscás. Neste
punto, o PSOE de Ordes tamén solicita un investimento de 600.000 euros na
mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ordes, “que é moi
antiga e xa ten ata fendas”, explica Xesús Pedreira.
Sector téxtil
Así mesmo, os socialistas
reclamarán 500.000 euros para a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector
Téxtil da Comarca de Ordes que permita a creación dun centro loxístico e que
permita a recuperación dun sector que perdeu máis de 500 empregos nos últimos
catro anos.
Por último, demandarán tamén unha achega de 30.000 euros para o
Museo do Traxe Juanjo Liñares, “que nunca recibiu achega ou axuda ningunha por
parte da Xunta de Galicia e está sufrindo problemas de humidades”, denuncia o
concelleiro socialista.
Xesús Pedreira (PSOE). |
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Un ano máis, a Xunta volve castigar aos veciños e veciñas de Ordes por non ter un Goberno do Partido Popular deixándoos sen varias obras de abastecemento e saneamento fundamentais que estaban comprometidas dende hai anos, provocando casos especialmente graves como o de A Brea, onde levan cos sumidoiros sen rematar dende hai catro anos e con dous quilómetros xa feitos pero que, ao non estar rematados, non poden entrar en funcionamento”
“O importe dos incumprimentos da Xunta con Ordes ascende a máis de 4,63 millóns de euros, despois de que neseas últimos catro anos de Goberno, o PP non fixo practicamente nada polos veciños e veciñas de Ordes”
*