jueves, 24 de octubre de 2013

O BNG de Ordes insiste nas súas propostas para paliar a suba do IBI


A proposta dos nacionalistas inclúe, entreo outras, unha bonificación do IBI nas vivendas habitadas e unha suba do imposto nas deshabitadas

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, anunciou hoxe que os nacionalistas ordenses defenderán, na Comisión de Contas e Facenda que se celebra mañá venres, as propostas que levaron ao Pleno do pasado mes de setembro, proporán diversas medidas para paliar a desproporcionada suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) acometida no Concello de Ordes, que se ten visto afectado por unha revisión catastral que elevará nun 50% de media do citado imposto.
En aras de acadar un consenso entre todos os grupos, o BNG accedeu a debater a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do IBI, na a Comisión de Contas e Facenda.
Bonificacións
A proposta do BNG de Ordes inclúe unha bonificación do IBI nas vivendas habitadas e unha suba do imposto nas deshabitadas, co obxectivo de “favorecer ás persoas que compran un inmóbel para destinalo a vivenda habitual, fronte ás operacións puramente inversionistas ou especulativas”, segundo afirmou Ramiro Recouso.
Outra das propostas do BNG consiste no establecemento de bonificacións no IBI a pagar por desempregados ou persoas con pensións baixas, algo “de xustiza social”, en palabras de Ramiro Recouso.
Tamén se propón desde o BNG que “as vivendas rurais sen servizo público de abastecemento de auga potábel e saneamento vexan bonificado o seu IBI, en aras de evitar unha discriminación coas que si gozan destes servizos e que actualmente tributan todas por igual.”
Pago fraccionado
O BNG proporá tamén que se estableza “un pago fraccionado do IBI en 3 prazos cuadrimestrais, para paliar na medida do posíbel o quebranto que para as economías familiares ten a suba deste imposto”, segundo manifestou o portavoz do BNG de Ordes.
Finalmente, Ramiro Recouso afirmou que proporemos que “se bonifique o IBI das explotacións agrarias do Concello, no máximo permitido pola lei, dado que co modificación do IBI, aprobada por UxO, PSOE e CideGa no pasado mes de xuño, viron incrementadas ostensiblemente as súas cotas tributarias de IBI”

O voceiro do BNG, lamenta a falta de sensibilidade do alcalde, Manuel Regos, para cos seus concidadáns, dado que UxO non presentou ningunha iniciativa para paliar os efectos da suba do IBI.

*