Reuníronse na noite de onte en Trazo, nun acto organizado polo PSOE
O 21 de outubro constituiranse oficialmente en Sigüeiro
O PSOE de Trazo infomou hoxe de que os pensionistas retornados que
cobran prestacións doutros países na comarca de Ordes constituiranse como
Plataforma de Afectados para defenderse conxuntamente diante das pretensións da
Axencia Tributaria, que lles está requerindo que tributen por eses subsidios
dende o ano 2008 e lles está a impoñer inxustas multas ao considerar que non
cumpriron cos seus deberes fiscais.
Así se acordou na noite de onte en Trazo
durante un acto organizado polo grupo municipal socialista tracense e no que
participaron máis de sesenta veciños e veciñas afectados.
A deputada autonómica Carmen
Gallego explicoulles aos presentes o acordo unánime acadado polo Parlamento
de Galicia e respondeu ás dúbidas plantexadas polos veciños, sobre todo
relacionadas coas multas e os intereses esixidos por Facenda.
E é que
pensionistas que reciben uns 800 euros mensuais de pensión agora están sendo
obrigados a pagar unhas cantidades de entre 3.000 e 4.500 euros.
Unha situación
inxusta, a xuízo dos socialistas, porque se lles están a impoñer multas cando ningún deles
fora informado sobre a necesidade de tributar por estas pensións exentas de tributación nos países onde traballaron.
Plataforma de afectados
Para defender os intereses
destes pensionistas retornados, durante a reunión acordouse crear unha
Plataforma de Afectados, que será constituída formalmente o próximo 21 de
outubro nun acto que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro.
*